DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Moitos deles acudiron este xoves á presentación da 2º edición deste evento na EET

Duplícase, con máis de 400 inscritos, a participación nas Olimpíadas de Teleco

Durante o acto entregáronse tamén os premios aos mellores expedientes de entrada no curso 2023/2024

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Visitas
D. Besadío DUVI 25/01/2024

441 estudantes de 20 centros de ensino secundario de toda Galicia participarán os vindeiros 25, 26 e 27 de abril nas II Olimpíadas Teleco, unha iniciativa que se puxo en marcha o curso pasado a nivel nacional da man de 20 escolas de enxeñería de telecomunicación de toda España -25 nesta edición- e do Colegio Oficial de Ingenieros Técnicos de Telecomunicación. Así o anunciou este xoves a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, na presentación en Vigo da 2º edición das probas, un acto no que tamén se aproveitou para facer entrega de dous premios de 2000 euros, financiados polas empresas Optare Solutions e BorgWarner, aos dous estudantes cos mellores expedientes de entrada na EET no curso 2023/2024: Rocío Fernández Álvarez e Iván González García.

Dos máis de 400 estudantes inscritos, arredor de 120 participaron de xeito presencial na presentación, e outros tantos seguiron o acto en liña.  Para moitos esta foi a súa primeira visita a un campus universitario, mentres que para outros esta será xa a súa segunda olimpíada. Se o ano pasado o reto fora deseñar e  desenvolver prototipos e solucións baseadas na enxeñaría de telecomunicación aliñadas co ODS 11 da Axenda 2030 referido ás cidades e comunidades sostibles, este ano terán que centrarse no ODS 3: saúde e benestar.

Múltiples premios financiados por 4 empresas da rede conexiónTeleco

As actividades arrancaron hoxe coa xornada de presentación, máis adiante haberá  dúas sesións formativas en liña e as competicións celebraranse o 25 de abril, na categoría destinada ao alumnado de Ensino Secundario Obrigatorio; 26 de abril, para Formación Profesional e Bacharelato por equipos, e 27 de abril para bacharelato individual, “unha proba que consiste nun único exame”, explicou no acto a directora da escola, quen tamén aproveitou para agradecer a “forte implicación” que teñen neste proxecto as catro empresas patrocinadoras, “pertencentes as catro a nosa rede de empresas colaboradoras conexiónTeleco”, subliñou Diaz, referíndose neste caso a Cátedra Indra, Cátedra R, BorgWarner e Televés. “Elas son as que nos axudan coa compra do material para os equipos que participan na competición e, a maiores, dan os premios da fase galega”, explicoulles a directora da escola aos asistentes.

Ao igual que na primeira edición, a  Olimpíada Nacional de Teleco desenvolverase en dúas fases: unha local, xestionada pola EET da UVigo, e outra nacional, na que competirán os mellores proxectos (gañadores) das competicións locais. Os premios que se repartirán en Vigo serán de 400 euros para o equipo coa mellor solución técnica e outros 400 euros para o instituto ao que pertenza, 300 euros para o equipo que teña a proposta máis orixinal e 200 euros para o equipo coa proposta máis aliñada co ODS 3. No caso dos premios individuais, novidade deste ano, haberá un primeiro premio de 400 euros, un segundo de 300 e un terceiro de 200.

De participar nas olimpíadas a recoller o premio ao mellor expediente 

Dun xeito especial viviron esta data Rocío Fernández e Iván González, os dous alumnos premiados cos premios aos mellores expedientes de entrada na EET. No caso de Rocío a xornada foi especialmente emotiva, xa que hai apenas un ano ela era unha desas alumnas que visitaban por primeira vez a escola para participar nas olimpíadas. “Eu xa tiña claro dende fai moito tempo que quería estudar Enxeñaría de Telecomunicación, así que poder participar nas Olimpíadas fíxome moitísima ilusión”, explicou a alumna, quen admite sentirse “moi contenta” coa opción elixida. 

Igual de ilusionado amosouse tamén o seu compañeiro Iván González, quen recalca que “dende pequeno encantábanme os ordenadores e todo o relacionado coa informática e as telecomunicacións”. Dubidou entre unha e outra titulación, “pero escoitando a experiencia doutras persoas escollín a que, na miña opinión, é máis versátil e ten máis saídas profesionais”, salienta o alumno, quen non dubida en recomendar a titulación  a todas as persoas ás que lles atraia o mundo das TIC. “Fixen moitos amigos nada máis entrar, o ambiente é moi bo e a xente axuda un montón, polo que se leva de maneira moi doada”.