DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está formada por 17 socios e 52 instalacións, o 30% delas en España

A ECIMAT abre novas portas aos investigadores mariños coa súa entrada na rede Aquaexcel

O proxecto, financiado pola UE, da acceso a infraestruturas de investigación acuícola de vangarda

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 14/01/2013

Unha “maior visibilidade á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla e aos investigadores mariños da Universidade de Vigo”. Ese é o que supón para á institución a recente incorporación da ECIMAT na rede Aquaexcel, un proxecto europeo co que se proporciona á comunidade científica unha plataforma de infraestruturas de investigación acuícola de vangarda. “Coa nosa entrada nesta rede o pasado mes de decembro ponse a disposición dos investigadores vigueses a posibilidade de interaccionar mediante a realización de intercambios, estancias, uso compartidos de instalacións…”, explica Antonio Villanueva, responsable de I+D da ECIMAT.

Aquaexcel naceu en marzo de 2011 como un proxecto financiado polo FP7, o Sétimo Programa Marco da Unión Europea para Investigación, con 17 socios iniciais dunha decena de países e un orzamento de 12.000 millóns de euros. Coordinado polo Instituto Nacional de Investigación Agronómica de Francia, na actualidade a rede de infraestruturas está formada por 52 instalacións, o 30% delas situadas en España. Un amplo abano de posibilidades fundamental para facilitar aos científicos da Universidade de Vigo levar adiante as súas investigacións. Por iso, “o traballo que se está a realizar a nivel internacional dende a ECIMAT está encamiñado á incorporación a redes que faciliten a colaboración dos investigadores con grupos doutros países”.

Harmonización e estandarización de recursos

A plataforma engloba un amplo rango de sistemas de produción, incluíndo recirculación, circuíto aberto, criadeiros, gaiolas e estanques en terra nos que se representan tanto ambientes de augas doces, mariñas, frías e temperadas como instalacións a pequena, mediana ou escala industrial. Neste momento as investigacións levadas a cabo abarcan especies tan dispares como salmón, bacallau, troita, carpa, rodaballo, linguado ou pescada.

A través deste proxecto conséguese coordinar as principais infraestruturas de investigación acuícola de Europa, sentando os alicerces para futuros proxectos en común, ademais de crear unha base de datos en liña das principais infraestruturas de investigación, instalacións e servizos e de harmonizar e estandarizar os recursos entre os socios, sobre todo pensando nos métodos experimentais desenvolvidos. Con esta iniciativa, que se manterá ata febreiro de 2015, tamén se pretende estimular a innovación con actividades de transferencia do coñecemento, como a formación de técnicos e investigadores nos últimos avances en investigación acuícola. En definitiva, un proxecto co que se tenta dar un paso adiante e pechar a brecha entre a comunidade científica e a industria.