DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Ecimat abre as súas portas a estudantes de primaria e secundaria para que se acheguen ás cores do mar

Co obxectivo de que os escolares coñezan o mundo mariño e fomentar o seu interese pola ciencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 22/05/2009

Punteira a nivel internacional e considerada como unha das mellores instalacións de investigación mariña de toda Europa, a Ecimat é tamén unha porta á ciencia e unha fiestra ao mar, un xeito de achegar esta mundo á sociedade en xeral. Situada nunha contorna privilexiada que lles permite aos científicos traballar en laboratorios a carón do océano que estudan, a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla poder ser tamén un punto de encontro entre ciencia e cidadanía. A partir do vindeiro luns a Ecimat abrirá as portas da súas instalacións de investigación aos escolares de primaria e secundaria dentro do programa de actividades de divulgación da ciencia As cores do mar do Toralla. Esta iniciativa, desenvolvida pola Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo botará a andar o vindeiro luns e as visitan terán lugar durante toda semana e posteriormente, retomaranse entre os días 8 e 12 de xuño.
Segundo explica o director da Estación, Ricardo Beiras, a idea xurde “da boa acollida que tivemos cos alumnos nas visitas que se desenvolveron ao abeiro da Semana da Ciencia 2008”. Cun “programa máis amplo” e a inscrición para colexios e institutos aínda aberta, as xornadas de portas abertas están dirixidas a estudantes dos últimos cursos de primaria e primeiros de secundaria co obxectivo de achegalos ao medio mariño e fomentar o seu interese pola ciencia e o desenvolvemento sostible do medio natural.

As cores do mar

Baixo o título As cores do mar de Toralla as visitas xirarán arredor do nexo común da luz e as tonalidades do mar, dos seus habitantes, as súas funcións e os seus significados, podendo comprender o impacto da luz solar nos ecosistemas. Así, os rapaces poderán coñecer a importancia que ten a luz no medio mariño, o uso das cores na fauna e flora mariña e o ecosistema da ría ao tempo que se achegan á investigación mariña que se desenvolve na Uvigo.
As xornadas comprenden visitas didácticas á contorna de Toralla, á praia e rochas de baixamar onde recollerán mostras que logo poderán tratar nos laboratorios. Paralelamente coñecerán a exposición de acuarios nos que a cor terá unha importancia fundamental con algas e animais miméticos, a mostra divulgativa Cores do mar de Toralla e, para rematar, visionarán a peza audiovisual Baixo as ondas das rías.