DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Estación de Ciencias Mariñas inaugura novos laboratorios por un importe de 345.000 euros

ECIMAT medra para dar resposta ás necesidades dos investigadores

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/12/2009

Tres anos e medio despois da súa inauguración a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, ECIMAT, amplía as súas instalacións incorporando novos laboratorios destinados á investigación mariña. Xeoloxía, investigación no cultivo de peixes, fisioloxía de peixes e corentena para organismos mariños, son as utilidades dos novos laboratorios que ocupan unha superficie de 200 metros cadrados e nos que se investiron 345.000 euros. “O que se fixo foron novos espazos baixo os módulos xa existentes de 60 metros cadrados para dotarnos de laboratorios de disciplinas e perfís que ata o de agora non tiñamos”, explica Ricardo Beiras, director de ECIMAT que destaca que na actualidade o centra xa está a pleno rendemento e que nel desenvolven a súa actividade uns 14 grupos de investigación da Universidade de Vigo. Coa inauguración destes novos espazos a Estación supera xa os 1000 metros cadrados de superficie, ampliados desta volta cunha tipoloxía de laboratorios dos que carecía. “Ata o de agora só podiamos cultivar larvas”, explica Elsa Vázquez vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo “e co novo laboratorio será posible continuar con peixe de gran tamaño. O mesmo sucede no caso da sala de cultivo de fitoplancton en grandes volumes que permitirá alimentar ao total de volume de moluscos co que traballan os investigadores”. No caso do laboratorio de corentena trátase dunha esixencia normativa que obriga a dispor dun espazo para desparasitar e observar aos animais que veñen de fóra antes de incorporalos á Estación.

Instalacións singulares

Tanto Ricardo Beiras como Elsa Vázquez destacan a singularidade das infraestruturas das que dispón ECIMAT. “Son infraestruturas punteiras”, destaca Ricardo Beiras “que sobre todo se pon de manifesto cando coñecer outros laboratorios de ciencia mariña que son unha referencia. Por unha vez non somos a Cincenta en temas de investigación”. Pola súa banda Elsa Vázquez pon de manifesto a singularidade das instalacións da Estación tanto pola calidade como pola cantidade das mesmas. Unha situación que se ve reforzada coa incorporación nos novos laboratorios que segundo Vázquez “ se cabe nos obriga a darnos a coñecer aínda máis porque agora somos quen de traballar máis, algo que ata o de agora pola limitación de espazo non se podía facer”.

Próximos retos

Unha marquesina para embarcacións será a próxima actuación a desenvolver na ECIMAT que oferta os seus espazos non só aos investigadores da Universidade de Vigo, senón tamén a OPIs doutros organismos de I+D. Sen embargo o futuro da Estación tamén debe pasar, segundo o seu director, polo reforzamento na transferencia de I+D ás empresas. “Non temos espazos para plantas piloto de empresas ou para procesos de demostración e ese é un pouco o futuro polo que poderiamos ir”. Na necesidade de continuar medrando tamén coincide a vicerreitora de Investigación, Elsa Vázquez, sobre todo pensando en Campus do Mar “ e en todos os socios cos que imos traballar”. Sen embargo que aínda que recoñece que “os investigadores somos como os gases que se expanden no espazo e sempre necesitamos máis”, para o presente coa incorporación destes novos laboratorios Vázquez considera que as necesidades de ECIMAT quedan cubertas.