DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A ANL pon en marcha a campaña 'O galego, o noso medio natural'

Ecoloxía e lingua mestúranse para evitar a desaparición do galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 14/10/2010

Os datos non deixan moito marxe para a esperanza: 47 especies de flora e fauna desaparecen cada día dos nosos ecosistemas. Aínda que poida parecer incrible, o mesmo ocorre coas linguas: cada ano entre 25 e 30 idiomas deixan de escoitarse no mundo. Entre eles pode que o noso idioma. Para loitar pola supervivencia do galego, a Área de Normalización Lingüística de Universida de Vigo (ANL), en colaboración coa Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGDNL), acaban de pór en marcha a campaña O galego, o noso medio natural, que presentou Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria. O seu protagonista principal é a ecoguía: máis de 4000 cadernos que se repartirán nos campus e nos centros de ensinanza non universitaria públicos e concertados cos que textos de escritores galegos, como Uxío Novoneyra, van facer reflexionar sobre a importancia da recuperación das especies e do idioma.

Non será o único reforzo para potenciar o ecolingüismo e o uso do galego, senón que tamén se repartirán máis de 5000 pegatinas, 5000 chapas, camisolas ou petates cos que facer visible o lema da campaña. “As linguas non son só dos falantes, son de toda a humanidade e hai que responsabilizarse se poden desaparecer”, explicou Valentina Formoso, coordinadora do CGDNL. “Debemos preservar a biodiversidade e o noso futuro. Se a natureza constrúese, enriquécese e renóvase co seu uso, co idioma pasa o mesmo”, conclúe.

Como exemplo da importancia da presenza do galego en todos os eidos, adherido á campaña estivo o ciclista Serafín Martínez, alumno de Empresariais da Universidade de Vigo e deportista do "finado Xacobeo Galicia, un equipo ciclista formado en case a súa totalidade profesionais da comunidade e entre os que o uso do idioma estaba á orde do día", como explicou o vicerreitor de Extensión Universitaria. “Todo o que se poida facer para apoiar o noso idioma será positivo”, sentenciou o ciclista.

Difusión de ciencia en galego

Esta campaña será o preludio das xornadas que o vindeiro 4 de novembro se levarán a cabo con motivo do Día Mundial da Ciencia en Galego, dirixida dende o ensino a toda a sociedade para defender a idoneidade do emprego do idioma nas áreas científico-tecnolóxicas. Un bo xeito de comunicarlle á sociedade o orgullo de expresar ciencia e tecnología en galego e de divulgar experiencias científicas pensadas e desenvolvidas en lingua galega.