DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes arrancou un ciclo de conferencias sobre esta temática

A economía circular, unha aposta de futuro para a empresa familiar

Contou con exemplos de Cuevas Marrón Glacé e Agroamb Prodalt

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Académica
DUVI Ourense 03/11/2020

Este martes arrancou a través do Campus Remoto da UVigo o ciclo de conferencias Empresa familiar e sostibilidade, organizado pola Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo coa colaboración da Asociación Galega de Empresa Familiar. Na sesión, representantes tanto do eido académico como empresarial afondaron en como afrontan as empresas familiares galegas a aposta pola economía circular reducindo o consumo de materias primas e a xeración de residuos finais.

Elena Rivo, co-directora da Cátedra Empresa Familiar xunto a Santiago Lago, salientou na presentación da sesión como esta iniciativa busca expor exemplos de economía circular, “que é algo que agora soa moito pero que moitas veces non se coñece o contido”. Neste senso apuntou como “ás veces parece que cando falamos de economía circular falamos de algo moi sofisticado pero pódeno facer todas as empresas”, facendo fincapé na relación entre empresa familiar e sostibilidade. Pola súa banda, Margarita Hermo, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar, lembrou “o compromiso coa contorna na que estamos situados” das empresas familiares e como esa contorna “é a sostibilidade, a sostibilidade social, a sostibilidade ambiental”. Neste contexto, lembrou como o “Pacto Verde Europeo, que pretende converter Europa no primeiro continente climaticamente neutro para 2050”, é un proxecto “moi ambicioso” pero amosou a súa confianza en que “as empresas familiares galegas colleremos a luva, traballaremos dunha forma aunada para pór en marcha ese sistema de aproveitamento, de pór en valor todos os nosos recursos”.

O profesor titular de Economía Aplicada da UVigo Miguel Rodríguez, que participou na elaboración da Estratexia Galega de Economía Circular da Xunta, foi o encargado de esbozar o marco xeral da economía circular nesta sesión. “A economía circular é unha tendencia, unha prioridade en Europa a medio e longo prazo, vinculada a obxectivos ambientais pero tamén a obxectivos económicos e de emprego e por tanto as empresas deben apostar por ela, cada empresa dentro das súas capacidades, Non fan falta grandes desenvolvemento tecnolóxicos para facer economía circular”, afirmou. O profesor explicou como “canto maior é a nosa renda per cápita maior é a nosa capacidade para consumir bens e servizos e ese consumo necesariamente ten un impacto ambiental”. Fronte a este impacto apuntou como “as tres receitas básicas” son reducir o consumo a aquelo que é necesario; recircular ao máximo eses recursos con actividades de reciclaxe e reutilización e cando non sexa posible xa a recirculación, devolver os recursos á natureza nun estado que permita a súa absorción sen xerar contaminación.

Do familiar ao global

Esta primeira sesión do ciclo contou coa participación de Josefa de León, de Agroamb Prodalt SL, e Maite González, de Cuevas Marrón Glacé. Maite González salientou como “a experiencia amósanos que adoptar un sistema que é sostible ten claras vantaxes: axúdanos a xestionar mellor os residuos, melloramos a nosa relación cos grupos de interese, mellora a nosa imaxe de marca... A sostibilidade, desde o meu punto de vista e creo que o temos todos claro, non está rifada con rendibilidade”. Apuntando como “a sostibilidade marca a diferencia”, a representante de Cuevas Marrón Glacé dixo que “para somerxernos na circularidade empecemos por concienciar a todo o noso equipo, vaiamos a identificar os potenciais dos nosos residuos e buscar alianzas de valor cun espírito colaborativo”. Durante a súa intervención expuxo como na súa empresa se valorizan subprodutos como a castaña e marrón glacé rotos, o “destrío” ou castañas con defectos, as peles da castaña e o caldo de azucre, destinando por exemplo as castañas con defectos a alimentación animal, as peles a combustión e o caldo de azucre a apicultura.

Pola súa banda, Josefa de León, de Agroamb Prodalt SL, tamén, ademais de expor exemplos de circularidade na súa empresa, subliñou a importancia de apostar pola sostibilidade. “A saúde do planeta está intimamente ligada coa saúde das persoas e esa saúde do planeta pasa por volver ao local, por deixar esa deslocalización da industria e pór o foco nas persoas”, afirmou. Na súa opinión, dixo, “agora non é só o momento de gobernos e empresas senón tamén dos consumidores e debemos ser cada vez máis máis esixentes, informarnos, saber que estamos consumindo, que estamos comprando e apoiar ás empresas con propósitos, a esas empresas que teñen unha ética e que coinciden cos nosos valores”.