DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe publicado polo Foro Económico

A economía galega segue medrando malia acusar unha ralentización na taxa de crecemento do PIB

O documento tamén aborda o sistema enerxético español e a previsión de descarbonización para 2050

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Ourense 11/01/2024

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este xoves en Santiago de Compostela o seu Informe de conxuntura socioeconómica IV/2023. Nel destacan que nun contexto de contracción económica na UE o crecemento da economía galega tamén amosa unha ralentización. Porén, engaden os seus autores, “as taxas de variación interanuais seguen a ser superiores ás dos principais socios comerciais galegos, agás Portugal”. Segundo o documento, o PIB galego medra un 1%, oito décimas inferior á media española, e en termos intertrimestrais a economía galega contráese un 0,3%, porcentaxe superior á estimada na zona euro e que contrasta coa suba do 0,3% en España.

O documento foi elaborado polo economistas do Foro Económico de Galicia Patricio Sánchez e Santiago Lago, ambos da Universidade de Vigo; e José Francisco Armesto e Fernando González Laxe, coordinador este último do traballo. Segundo indican en nota de prensa desde o foro, “o crecemento do PIB real en Galicia caracterízase por unha achega positiva tanto da demanda interna como, en menor medida, da externa”. Dende o punto de vista da oferta, o crecemento do PIB sinalan que se explica polo "dinamismo do sector terciario, o que contrasta coa contracción experimentada no caso da construción e da industria". O mercado de traballo galego presenta pola súa banda un balance positivo. Tras o devandito incremento do PIB galego nun 1%, “a poboación ocupada medra un 2,7% respecto ao ano anterior, fronte ao 2,3% no caso das afiliacións rexistradas”, apuntan os expertos.

Finalmente, o informe dedica un apartado ao sistema enerxético español e a previsión de descarbonización para o ano 2050, indicando que para acadala “será preciso incrementar a xeración eólica por 6 e por 24 a xeración fotovoltaica, se tomamos como referencia o ano 2019”. Para integrar "tanta enerxía renovable", apuntan os economistas, “será necesario realizar un enorme esforzo de cara a incrementar a capacidade de almacenamento enerxético, podendo chegar aos 55 TWh aproximadamente, o cal representa un 9,5% aproximadamente da demanda enerxética anual”.