DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Economía, LADE e Ciencias do Mar gradúan ás súas novas promocións

Nos dous actos subliñouse que esta é unha das xeracións mellor formadas do país

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río/ Mª del Carmen Echevarría DUVI 09/05/2008

Risas, nervios e bo ambiente marcaron os actos de licenciatura das novas promocións de Economía, Administración e Dirección de Empresas e Ciencias do Mar que comezan agora a súa andaina profesional. E foi precisamente a etapa que agora comezan os novos egresados destas titulacións o eixo central dos actos que poñen fin ao paso destes estudantes pola Universidade de Vigo.
As novas promocións de Economía e Administración e Dirección de Empresas contaron na súa celebración coa conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Mª Xosé Caride como madriña que os animou a materializar os seus proxectos emprendedores e a “formar parte do presente e futuro de Galicia”. Neste mesmo sentido, o reitor, Alberto Gago, animou aos titulados nos seus primeiros pasos no mercado laboral ao subliñar que “podedes crer que formades parte dunha das xeracións mellor formadas que nunca tivo este país”. A situación económica actual tamén tivo un oco no acto. “Debedes mirar ao futuro con optimismo porque as nubes que cobren agora a nosa economía non se van disipar con pesimismo, senón con ilusión, esforzo e traballo”, subliñou a Caride.
Pero os grandes protagonistas do acto foron os estudantes e as súas familias, para os que todos participantes tiveron palabras de agradecemento e alento. Nas súas intervencións, os representantes das dúas promocións, Manuel Veiga e Nicolás Rey, sinalaron este acto como o fin dunha etapa e o comezo doutra, “a verdadeira carreira comeza agora, a partir de hoxe é cando se nos vai esixir esforzo de verdade e teremos que aplicar conceptos tan coñecidos para nós como benestar social ou incidencia dun imposto”. Ambos licenciados coincidiron tamén en subliñar que, no seu paso pola Universidade, xunto coa formación académica, acadaron importantes valores como persoas e “maduramos, aínda que moitos non nos deamos conta”. Ademais, aproveitaron o acto para comezar a poñer en práctica estes valores no referido ao ecoloxismo: “ensináronnos a ser xefes e xestores e iso é unha responsabilidade que debemos exercer con criterio polo que vos animo, unha vez teñades peso nas empresas, a non contaminar e esforzarse por reciclar levando a cabo un modelo de desenvolvemento sostible”, subliñou un dos representantes dos alumnos. Durante o acto, ademais das bandas e diplomas aos titulados, tamén se fixo entrega das distincións académicas aos mellores expedientes do pasado curso.
José Mª Martín Moreno, decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, tamén acompañou aos novos licenciados “neste día tan especial para vós e as vosas familias, pero tamén para nós, os profesores e PAS, no que representa un punto final dunha das principais etapas das vosas vidas que lembraredes con nostalxia, aínda que agora o que sintades sexa alivio”. Martín Moreno lembroulles tamén a importancia da formación continua, sobre todo coa posta en marcha do Espazo Europeo de Educación Superior “que esixirá o mellor de vos e que actualicedes coñecementos, para o que sempre seredes benvidos nesta facultade”. Tamén o reitor os animou nesta formación permanente e subliñou que “estaremos moi atentos a todo o que vos aconteza, porque sodes o espello do noso traballo e parte xa da vida desta institución”.
Continuando, precisamente, coas protestas dos alumnos da EU de Estudos Empresariais contra o proceso de adaptación do seu centro ao EEEU, un grupo de estudantes manifestouse antes do comezo do acto nos xardíns da facultade. Os universitarios expresaron o seu rexeitamento á decisión do Equipo de Goberno que adía o debate sobre a implantación do grao en Comercio ata 2010, prazo marcado polo Ministerio de Ciencias e Innovación.

A XIII promoción de titulados en Ciencias do Mar leva áncoras

“Sorte na vosa singradura polos mares do planeta terra”. Con este desexo rematou a súa intervención no acto de graduación da XIII promoción de titulados o decano de Ciencias do Mar, Jesús Souza que non deixou pasar a ocasión para recomendar aos novos egresados que persistan no esforzo para lograr os seus retos profesionais. “O esforzo”, dixo Souza, “cobrará especial importancia cando saiades de aquí, por que as oportunidades non estarán esperando por vós á volta da esquina da vosa casa”.
Pero non foi o do decano o único consello que nova promoción de titulados de Ciencias do Mar escoitou no acto de graduación celebrado no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais. O padriño da promoción, o profesor do departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, Javier Hernández Molina animou aos estudantes a loitar “polo que vos gusta e non perder a ilusión”. Hernández Molina que afirmou que hoxe en día facer una carreira de ciencias “é unha vocación”, tamén se mostrou convencido de que “na vosa carreira como oceanógrafos estades preparados para entrar no mercado laboral”.
Á intervención de Hernandez Molina que logrou levantar aos estudantes das súas cadeiras para tributarlle un gran aplauso, seguiulle a de dúas integrantes da promoción. Minerva e Giorgina lembraron as anécdotas máis sobresaíntes do seu paso pola Facultade e que foron desde os problemas para facer a matrícula, á primeira saída en barco ou a inocentada que lles gastaron facéndolles crer que o chapapote do Prestige chegara á Antártida. En nome dos seus compañeiros as dúas egresadas agradeceron o traballo desenvolvido polos profesores ao tempo que desexaron boa sorte a todos os integrantes da promoción. A súa intervención rematou cun vídeo que acompañado con música de Siniestro Total e U2, recollía algunhas das imaxes do traballo realizado, así como dos momentos de diversión que viviron ao longos desde anos.
Despois que Giorgina e Minerva entregasen a orla da promoción ao decano e ao padriño, foi o vicerreitor de Investigación, Manuel Reigosa o encargado de pechar o acto. Nas súas palabras recoñeceu o duro traballo que os novos titulados realizaron para acadar o título e asegurou que “aínda que tiñades dúbidas, estades ben formados. Esa é a referencia que temos de anteriores promocións. A titulación serve e os licenciados en Ciencias do Mar son competitivos”. O vicerreitor de investigación tamén animou aos novos egresados a ser embaixadores dunha titulación aínda non moi coñecida nalgúns lugares e lembrou que na Facultade de Ciencias do Mar existen na actualidade algúns dos grupos de investigación máis destacados de Galicia, polo que “este é un bo destino para seguir”.