DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A xuntanza académica celebrouse hoxe en Madrid 

Economics for Energy pon o foco no seu workshop anual no ámbito do transporte

Mañá terá lugar un seminario sobre prezos internos do carbono 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/02/2019

A sede de Funcas en Madrid acolleu ao longo desta mañá unha nova edición do workshop que anualmente organiza Economics for Energy, o centro de investigación especializado en análises económicas de cuestións enerxéticas, que dirixen o catedrático da Universidade de Vigo Xavier Labandeira e o docente da Escuela Técnica Superior de Ingenería ICAI e vicerreitor de Investigación e Internacionalización da Universidad Pontificia Comillas, Pedro Linares. As e os docentes e investigadores Natalia Fabra, Joan Ramón Borrell, Juan Pablo Montero e María Loureiro foron os encargados de abordar nas súas presentacións cuestións como a actuación estratéxica dos produtores de enerxía renovable ou a importancia do comportamento dos traballadores para a efectividade das estratexias de eficiencia enerxética no sector comercial, nunha sesión de traballo que este ano prestou especial atención ao ámbito do transporte. “Primeiro porque o interese académico nesta cuestión é crecente. Tamén porque se trata dun sector clave para a mellora ambiental e a loita contra o cambio climático. E trátase dunha actividade na que non é doado avanzar na corrección dos seus efectos negativos, como puidemos observar nos últimos meses no caso español”, explica Xavier Labandeira , en relación coa decisión de focalizar o workshop este ano no sector do transporte. 

Labandeira destaca as achegas realizadas polas e polos poñentes que participaron na sesión de traballo, en especial as investigacións no ámbito enerxético e da competencia, punteiras internacionalmente, de Natalia Fabra ou os traballos no ámbito da economía ambiental de María Loureiro “que moitos lembrarán polo seu papel fundamental na valoración económica do dano ambiental asociado ao Prestige”, explica o catedrático, que tamén incide no grande impacto académico das achegas de Montero e Borrell.

O papel dos prezos internos do carbono nas estratexias empresariais

Finalizada a sesión de traballo de hoxe, a actividade de Economics for Energy continuará mañá coa celebración dun seminario a cargo da Nicolette Bartlett, directora global de Carbon Disclosure Project, unha organización sen ánimo de lucro que busca dotar de instrumentos e reportar sobre as actuacións ambientais de empresas e outras institucións. Bartlett centrará a súa intervención no papel dos prezos internos do carbono nas estratexias empresariais contra o cambio climático, xa que cómpre lembrar que “son moitas as empresas que están utilizando prezos internos de carbono, ben para intensificar as políticas públicas existentes, ben, para guiar correctamente as súas decisións estratéxicas e de investimento”, sinala Labandeira.

Camiño dos nove anos de existencia, o director de Economics for Energy fai un balance positivo da súa traxectoria, destacando o grande esforzo realizado polo centro de investigación en desenvolver e difundir traballos aplicados no eido enerxético- ambiental “moi relevantes para a sociedade española”, asegura Labandeira. En canto ás maiores dificultades vividas estes anos, o catedrático da Universidade de Vigo apunta ás que teñen que ver “cuns medios bastante limitados, que impiden conseguir algúns obxectivos. No futuro teremos que prestar atención a ese aspecto e, por suposto, tentar acertar cos temas a tratar. Aí non hai moitas dúbidas porque hai unha gran demanda de estudos e difusións sobre os aspectos económicos da transición enerxética en España”, detalla Labandeira.