DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha nova sesión do ciclo 'Diálogos en tempos de pandemia'

O economista Jorge Blázquez afonda no campus nas principais incertezas da transición enerxética

A sesión celebrouse nesta ocasión no paraninfo do edificio Ernestina Otero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Universidade e empresa
  • Visitas
  • Académica
D. Besadío DUVI 17/11/2021

Recén chegado da ‘city’ londinense, o economista Jorge Blázquez, senior advisor para a transición enerxética de British Petroleum, foi o protagonista este mércores dunha nova sesión do ciclo Diálogos en tempos de pandemia, que vén desenvolvéndose na Universidade en colaboración coa Fundación Mentor e a Fundación Banco Sabadell, tal e como lembrou na presentación do poñente o vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, que fixo fincapé en que nesta edición do ciclo se puido volver a certa presencialidade, o que permitiu traer ao campus a poñentes de recoñecido prestixio, tanto a nivel nacional como internacional.

Blázquez afondou nun tema transcendental no corto, medio e longo prazo: a transición enerxética, “unha cuestión da que xa se empezou a falar moito e que non vai ser nin doada, nin gratuíta desde o punto de vista económico”, salientou Martín Moreno no arranque da conferencia, actividade que nesta ocasión se trasladou do salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ao paraninfo do edificio Ernestina Otero e que, como é habitual, puido seguirse tamén a través de UVigoTv.

“O incremento da demanda enerxética non está asociada ao crecemento da poboación”

Na súa intervención Blázquez achegou ao público a evolución dos gases de efecto invernadoiro, medido como toneladas de dióxido de carbono equivalentes desde 1990 ata 2015, centrándose nas emisións procedentes da enerxía, o 75% das que se emiten. Desas emisións de gases procedentes da enerxía, arredor do 25% corresponden, segundo explicou o experto, ao transporte, outro tanto ás emisións asociadas aos edificios e o resto son as asociadas ao sector industrial e, dentro deste, referiuse aos “sectores difíciles de abater”, aqueles que, polo xeral, non se poden electrificar, caso da aviación, o sector mariño ou o transporte pesado.

Desde o punto de vista deste economista, o incremento da demanda enerxética non está asociada ao crecemento da poboación, senón á prosperidade, en particular, dos países emerxentes. “En realidade a transición enerxética e o crecemento da demanda asociada vén condicionada polo crecemento das economías emerxentes, en particular as de Asia, a maior prosperidade e a demanda asociada á riqueza neste tipo de economías”, subliñou Blázquez.

Outra das cuestión nas que fixo fincapé foi en que o cambio climático non ten un impacto simétrico a nivel mundial. “A maioría do cambio climático concéntrase nas rexións emerxentes. No caso das rexións máis frías, as do hemisferio norte, en particular Europa, Estados Unidos, China ou Rusia o efecto é moito menor e, incluso, espérase que algúns países poidan ter efectos positivos asociados ao crecemento ao acadar mellores condicións, en particular os países máis fríos como é o caso de Canadá”.

Centrou a súa presentación “en diferentes escenarios e non en predicións ou proxeccións de futuro” e, neste senso, recalcou que ninguén pode predicir o que pasará, nin saber cal vai ser a demanda enerxética de aquí ao ano 2050. Os estudos están baseados en múltiples ítems, pero, tal e como lembrou, a pandemia demostrou que as previsións saltan poden virse abaixo en calquera momento.

Longa traxectoria profesional, no sector público e no privado

Doutor en Economía pola Universidad Complutense de Madrid, Blázquez traballa en British Petroleum desde 2018, “onde se encarga de levar a cabo a análise económica e técnica da transición enerxética e das súas diferentes alternativas desde unha perspectiva de longo prazo”, salientou Martín Moreno na súa presentación, ao que engadiu que, ademais, Blázquez está directamente involucrado na elaboración do prestixioso Energy Outlook and Statistical Review of the World Energy, “as bases de datos a nivel mundial a partir das cales calquera investigador, consultor ou empresa pode realizar estudos de calquera tipo relacionados co sector enerxético”.

Ademais, na actualidade é tamén investigador asociado do Oxford Institute of Energy Studies e director do Instituto Británico de Economía Enerxética. Anteriormente, traballou como investigador no King Abdullah Petroleum Studies and Research Center de Arabia Saudí entre 2014 e 2018. O resto da súa carreira profesional desenvolveuna exercendo distintos postos,  tanto no sector privado como no público. No sector público traballou como asesor da Oficina Económica do presidente do Goberno, no gabinete do Ministerio de Industria e Enerxía, e foi presidente da Corporación de Reservas Estratéxicas de Produtos Petrolíferos. No caso do sector privado, traballou como economista para BBVA e Sacyr.