DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 18 ao 20 de xuño no Club Financiero de Vigo

Economistas de prestixio analizarán en Vigo os principais retos da economía galega

Antón Costas, Santiago Lago, Albino Prada, Teresa Pedrosa e Marcelino Otero, entre os participantes

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 22/05/2012
Analizar o retos fundamentais que ten ante si a economía galega e facer propostas para mellorar a situación actual, con estes obxectivos celebrarase o vindeiro mes en Vigo o curso La economía gallega: oportunidades y propuestas, organizado dende o Departamento de Economía Aplicada en colaboración coa Universidad Internacional Menéndez Pelayo, UIMP. “Trátase de contar de xeito divulgativo as cousas que máis nos ocupan na investigación”, subliña o catedrático Santiago Lago, director do departamento e coordinador do curso, que fai fincapé en que esta actividade “vai moito máis alá da visión académica, xa que contaremos tamén co punto de vista dos empresarios, dos políticos e tamén dos xornalistas”, engade.

A cita terá lugar do 18 ao 20 de xuño nas instalacións do Club Financiero de Vigo, “en pleno centro da cidade”, subliña o director do curso, que fai fincapé en que se elixiron estas datas pensando sobre todo no alumnado, que a esas alturas rematou xa tanto as clases como os exames. “O curso é para eles unha oportunidade única, xa que en moi pouco tempo van ter acceso a temas de plena actualidade da man de expertos de primeira liña", destaca Santiago Lago, “axustes, sistema financeiro, sector naval... son temas que día a día aparecen nos xornais e no que calquera persoa pode estar interesado”, engade.

Agro, naval, turismo, innovación...

Como “prato forte” do programa, o director do curso destaca a participación do catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Barcelona, vigués de nacemento, Antón Costas “un analista privilexiado da economía española” que dará a súa visión da economía galega en perspectiva española e europea. O seu será o primeiro relatorio dun programa que inaugurará, ademais de Santiago Lago, o vicerreitor de Economía da Universidade de Vigo, Xosé Manuel García Vázquez e o director da UIMP en Galicia, Xosé Luis Barreiro Rivas.

Os retos das administracións públicas galegas, o sector agrogandeiro, a eurorrexión, o mar e o seu futuro económico, a innovación na empresa galega, o turismo e a posta en valor da paisaxe e do medio ambiente son algúns dos temas que se van abarcar no curso. Albino Prada, Manuel Varela, Juan Suris, Mª Xosé Vázquez, Henrique Vázquez Vicente e o propio Santiago Lago son algúns dos profesores que van participar dende a Universidade de Vigo, aos que se engadirán outros das outras universidades galegas e do norte de Portugal.

“É un programa moi diverso e plural concibido desde un punto de vista moi divulgativo”, destaca o director do curso, que fai fincapé na enorme actividade que levan a cabo os máis de 40 profesores que forman parte do Departamento de Economía Aplicada. Pero como tamén é importante a visión dos empresarios, apunta Lago, o curso completarase coa visión dos empresarios. Entre outros, participarán Marcelino Otero, do Círculo de Empresarios de Galicia, e a delegada da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, así como a conselleira de Facenda, Elena Muñoz, “exalumna da facultade que será a encargada de clausurar o encontro”, subliña Lago.

Solicitude de bolsas ata o 3 de xuño

O prezo do curso é de 129 euros, se ben o alumnado das tres universidades galegas gozará dunha redución do 50% e, ademais, poderán acceder a créditos de libre elección. Para matricularse poderán realizar todos os trámites en liña na web do curso, se ben dende a organización destacan que a data límite para solicitar unha bolsa é o 3 de xuño.