DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jorge J. Candán, director de "O bosque encantado":

"O ecosistema submarino galego é moi privilexiado pero non está para nada valorado"

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 26/11/2009

Se Galicia ten o privilexio de contar cunha espazo mariño inmensamente rico, conta tamén cun dos profesionais máis laureados a nivel nacional, capaz, non só de captar as escenas submarinas máis insólitas, senón tamén de transmitir os seus valores ambientais e biolóxicos. Falamos de Jorge J. Candán, autor do documental O bosque encantado, que, ao abeiro da Semana de Cine Submarino de Vigo, se estrea mañá no Centro Cultural Caixanova e que hoxe presentou á comunidade universitaria no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais.
Capaz de captar calquera escena mariña no seu hábitat natural, dende unha pelexa de polbos ata o nacemento dunha quenlla, Candán presenta agora un traballo no que trata de presentar un bosque descoñecido para o gran público.

Como define o seu autor O bosque encantado?
O bosque encantado é un paseo polos tres bosques principais que hai nos nosos fondos mariños, cando menos polo que eu considero os tres bosques principais, aínda que non sexa unha definición bioloxicamente exacta: bosque de laminarias, o ecosistema que máis identifica as nosas costas; o bosque de maërl, un ecosistema de grandes dimensións de cor rosa e o bosque de ulva, máis coñecida como leituga de mar e que nas zonas de ladeira forma unhas praderías moi grandes.
Son tres cousas moi representativas de Galicia e pareceume interesante representar toda a fauna que hai dentro destes bosques e como se comportan todos os animais que viven alí.

Os seus traballos caracterízanse sempre por tentar fuxir do documental clásico. Nesta ocasión, é así tamén?
Sí, é certo, sempre procuro fuxir dese tipo de producións, xa que ao lado das grandes producións da BBC ou de National Geographic que estamos acostumados a ver e que moven enormes cantidades de orzamento é difícil facer algo que poida atraer se empregas o mesmo sistema de traballo. Eu sempre acostumo a intentar facer cousas un pouco diferentes.

Pódenos dar algúns exemplos dos elementos diferenciadores deste traballo?
Por citar algúns podo dicir que non ten voz en off, senón que van saíndo frases con certo ton poético. Gústame sempre dicir que os meus guións son sempre moi surrealistas e, neste caso, o que fago é explicar a relación entre as meigas e os trasnos, tan tipicamente galegos, cos animais que hai dentro do bosque e de aí o título, O bosque encantado.

Mestura de maxia e fauna. Como xurdiu a idea?
O primeiro que me atraeu foi o atractivo do bosque. A xente sempre ve os bosques de algas como algo desagradable e que ata dá medo e así é como empeza o documental, dándolle un pouco de misterio ás algas e rematando despois en pura bioloxía. Igual que temos unha árbore fóra da auga temos algas dentro e, ao fin e ao cabo, cumpren a mesma función.

Somos conscientes os galegos de toda esa riqueza que expoñen os seus traballos?
En absoluto, precisamente o gran obxectivo deste traballo é dar a coñecer o ecosistema submarino galego, que é moi privilexiado e que non está para nada valorado.
É evidente que a pesca é moi importante en Galicia pero semella que o mar se limita simplemente a iso, a pesca, e non hai demasiadas iniciativas de divulgación máis alá da pesca.

Como foi todo o proceso de elaboración do filme?
O importante foi gravar o comportamento dos animais e para iso non te podes formular ningún tipo de límite temporal, pois dependes precisamente diso, do comportamento que teñan os animais. En realidade o que fas é gravar durante anos ata que ao final chega o proxecto e é aí onde metes todo o traballo realizado durante anos de gravación. Despois veu todo o traballo de edición, que si é exclusivo para este documental, e que me levou arredor de seis meses, pero o importante é o traballo anterior, que é inmenso.

En que localizacións se rodou?
Sobre todo na Ría de Arousa, máis que nada por unha cuestión de práctica, pois é alí onde vivo. De todas maneiras esta cuestión non é moi relevante pois todas as rías teñen ecosistemas moi similares. Non ten moito senso desprazarse moito, cando tes as cousas tan a man.

Mañá estréase na Semana de Cine Submarino de Vigo. Que supón para ti este ciclo?
Moito, pois grazas á semana e a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes foi como puiden facer o documental, digamos que sen semana tampouco habería filme.

Estamos a falar de traballos que precisan moito financiamento?
A principal dificultade é que non se pode valorar a priori e facer un orzamento. Na maior parte dos casos son traballos de anos e fas moitos días de gravación dos que non sacas ningún tipo de rendemento. Desde o meu punto de vista é invalorable o que pode custar unha produción deste tipo. Eu penso que os que nos dedicamos a isto facémolo por paixón.

E é posible vivir disto en Galicia?
Si, aínda que hai que ser un pouco home orquestra, eu non me limito só á gravación debaixo da auga senón que tamén fago o guión e a produción. De todas maneiras é difícil, non só dependes de Galicia, senón moito máis de fóra.

De todas maneiras o teu caso non é habitual.
Máis ben é excepcional, coñecín de primeira man todas as facetas que me levaron ao tema de produción de documentais debaixo da auga. Empecei facendo fotografía debaixo da auga e, como sempre me apaixonou o mar, rematei mergullando e xuntando a fotografía submarina co mergullo e despois o vídeo e así dende hai 20 anos ata agora.

Vinte anos cun currículo salpicado de premios.
Si, para min son un orgullo. Non se vive deles pero son unha excelente forma de manter a ilusión, ademais, nos certames profesionais a axuda económica que supoñen tamén é importante.