DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A reunión da Unión Editorial de Universidades Españolas terá lugar do 12 ao de 14 de novembro

A edición científica, eixo da Asemblea da UNE que se celebrará na Universidade de Vigo

Con motivo do encontro entregaranse os XII Premios Nacionais de Edición Universitaria

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
S. Alcázar DUVI 09/11/2009
A Universidade de Vigo foi este ano o lugar elixido como sede da XXVIII Asemblea da Unión Editorial de Universidades Españolas (UNE), na que participa de forma activa como membro da asociación. A reunión que se celebrará entre os días 12 ao 14 de novembro reunirá a un total de 59 entidades participantes, representadas polos directores dos servizos de publicacións de todas as universidades do país, así como doutros organismos de investigación.
A práctica totalidade das obras xeradas polas editoriais universitarias son o resultado da investigación e o coñecemento que se dá nos campus, polo que é unha prioridade para a UNE afondar na análise dos retos da produción editorial científica. Baixo o título A edición universitaria ao servizo da difusión da ciencia, o encontro abordará nos seus relatorios as diferentes perspectivas da edición científica e a súa situación actual nos servizos de publicacións das universidades. O emprego dos medios de comunicación e das novas tecnoloxías aplicadas ao libro tamén terán cabida neste encontro, no que se estudarán novos formatos como o libro electrónico e novos modelos de difusión das obras, ademais de debater a situación da edición universitaria ante o Espazo Europeo de Educación Superior.
Na segunda xornada levarase a cabo a aprobación das actas da asemblea e do informe de xestión, ademais de someter a votación o nomeamento dos novos Socios de Honra e o ingreso de novos membros na asociación, entre os que se atopa o Consello da Cultura Galega. Así mesmo tamén se decidirá o regulamento electoral e os orzamentos para 2010. Unha vez rematados os labores administrativos, haberá un espazo dedicado aos Socios de Honra propostos na anterior asemblea. Gonzalo Capellán, ex-director de Publican-Edicións da Universidade de Cantabria; Javier Moreno, ex subdirector xeral de Publicacións do Centro de Estudos Políticos e Constitucionais e Magda Polo, ex presidenta da UNE, recibirán cadansúa medalla como recoñecemento ao traballo desenvolvido na asociación.
Roberto Varela, conselleiro de Cultura e Turismo, presidirá o acto de clausura e posteriormente os membros da UNE realizarán unha visita a Cambados e coñecerán unha bodega de albariño. Na derradeira xornada, os participantes no encontro terán a oportunidade de coñecer o sur de Galicia cun percorrido polas cidades de Tui e A Guarda que finalizará en Portugal.
Os interesados poden facer un seguimento desta asemblea a través do blog da UNE, no que se transmitirán os acontecementos máis salientables de cada xornada.

Entrega de premios

Con motivo da celebración da asemblea procederase á entrega dos XII Premios Nacionais de Edición Universitaria. O xurado, nomeado pola xunta directiva da UNE, reuniuse o pasado 7 de xullo para escoller as seis obras gañadoras nas diferentes categorías. O premio á mellor monografía recaeu no Centro de Estudos Políticos e Constitucionais coa obra Fascismo: perspectivas históricas e comparadas (vol.1) e Nación, Estado e Lingua (vol. 2) mentres que a UNED foi a premiada co seu traballo Cartografía Xeolóxica. Guía tridimensional interactiva na categoría de mellor edición electrónica. A Colección América, editada pola Universidade Jaume I obtivo o premio á mellor colección e a Universidade de Oviedo, xunto coa empresa KRK, gañaron o galardón na categoría de coedición cunha editorial privada coa súa obra Estudos sobre Oviedo. O xurado valorou moi positivamente o esforzo de Armando García por traducir ao castelán a obra A variación dos animais e as plantas baixo domesticación unha das obras menos coñecidas de Darwin, editada polo Consello Superior de Investigacións Científicas. Por último, a Universidade de Cantabria fíxose co premio ao mellor catálogo editorial cunha proposta innovadora, orixinal e funcional segundo a valoración do xulgado.