DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A reunión da comisión mixta Concello-Universidade contou coa asistencia do reitor, Salustiano Mato

O Edificio das Artes, a cesión da Casa das Campás e Belas Artes e a residencia converxen nun único convenio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
M. Del Río DUVI 30/09/2010

A primeira reunión da comisión mixta Concello-Universidade deste curso, que contou coa asistencia do reitor, Salustiano Mato, serviu para converter os protocolos abertos entre ambas institucións nun convenio global no que ten cabida tanto a construción do Edifico das Artes nos terreos de Tafisa como a cesión definitiva da Casas das Campás á Universidade, da Facultade de Belas Artes ao Concello e a construción da residencia universitaria no edifico da ONCE.

O reitor resaltou a “operatividade e eficiencia” desta comisión mixta que “nos permite darlle velocidade aos trámites”. A concelleira de Urbanismo, Teresa Casal, explicou que ata agora Concello de Pontevedra e Universidade viñan traballando cun protocolo que contemplaba o tema de Tafisa, a cesión de Belas Artes e da Casa das Campás, “pero entendemos máis operativo converter en convenio ese protocolo, englobando tamén a cuestión da residencia de estudantes”.

Con todos os temas aglutinados, o reitor informou está previsto que no mes de decembro se poida asinar este convenio e, mentres tanto, “estas reunións serven para ir poñéndonos deberes para estes dous meses”.

As prioridades, a residencia e o Edificio das Artes

Un dos principais temas pendentes entre ambas institucións é o da cesión do edificio da ONCE en Campolongo para facer realidade unha residencia universitaria para o campus. Casal anunciou que se reunirá cos responsables da ONCE “a finais da vindeira semana ou comezos da seguinte” para fixar as datas de sinatura da permuta que ten prevista o Concello coa ONCE. Unha vez en mans do Concelloo edificio, este poderá ceder o edificio á Universidade e “prevemos que a firma poida ser en decembro”.

Sobre os terreos de Tafisa, 20.000 m2 para a construción do Edificio das Artes, a concelleira informou que “estamos tan só a expensas da aprobación definitiva por parte da Xunta de Galicia da modificación urbanística da parcela; o prazo remata o vindeiro 14 de outubro, polo que esperamos ter a notificación a mediados do mes que comeza”.

A Escola Infantil, en funcionamento en xaneiro

Como xa tiñan anunciado ambas institucións, a Escola Infantil Universitaria ten prevista a súa entrada en funcionamento para o mes de xaneiro. Mato explicou que “xa está case lista e o Concello está finalizando os trámites internos para fixar o convenio que supoño que poderemos asinar no mes de novembro entre a Consellería de Traballo e Benestar, Universidade de Vigo e Concello de Pontevedra”. Teresa Casal salientou a importancia desta infraestrutura para a cidade “despois de 20 anos sen que Pontevedra tivese ningunha nova praza de gardería pública” ata a apertura neste curso de A Parda.

A Escola Infantil Universitaria terá 61 prazas e contará cunha reserva mínima dun 40% da matrícula aberta ao público en xeral, mentres que o 60% restante estará reservado para fillos de traballadores do campus. A institución municipal achegará o 10% dos gastos correntes.

Urbanización do campus

Outro dos temas tratados nesta xuntanza é o proxecto de humanización do campus pontevedrés.”Xa temos rematado o proxecto da primeira fase de urbanización e mellora de accesos ao campus e xa llo presentamos ao Concello”, explicou o reitor, que engadiu que “estamos simplemente pendentes de algunhas autorizacións para iniciar as obras en breve”. No mes de novembro terá lugar unha presentación pública deste proxecto que, na súa primeira fase, comprende a actuación na contorna de Ciencias da Educación e do Deporte e a propia Escola Infantil, “aproveitando así tamén para acondicionar e humanizar o acceso a esta última”. Segundo Mato, dentro da partida orzamentaria desta ano, a Universidade decidiu comezar pola zona que precisa reformas con máis urxencia, para dar paso no futuro a un proxecto global de reurbanización de todo o campus.