DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro realizou un simulacro de incendio nun dos seus laboratorios

O Edificio Politécnico proba e aproba a súa capacidade de resposta nunha emerxencia

Participaron efectivos dos diferentes corpos de seguridade, Protección Civil, bombeiros e 061

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 03/05/2011
Uns minutos despois das 12.30 horas saltaba a alarma no Edificio Politécnico do campus de Ourense. Produciuse un incendio nun dos seus laboratorios e hai varios feridos. Actívase o seu Plan de Autoprotección para solucionar a emerxencia e garantir a seguridade. Como o incendio non se pode apagar mentres acoden os servizos de emerxencias prodúcese a evacuación do edificio. Podería ser unha escena real pero nesta ocasión, e afortunadamente, corresponde a un simulacro de emerxencia realizado para pór a proba a efectividade de resposta do centro ante unha emerxencia. O resultado segundo os seus responsables, satisfactorio.

Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense e director da emerxencia, salienta que “o simulacro desenvolveuse satisfactoriamente, cun balance bastante positivo aínda que hai algunhas cousas que mellorar. Os vehículos de bombeiros e demais servizos lograron chegar ao edifico en tempo, os feridos foron evacuados e o incendio apagado”. Deste xeito, asegura, “o obxectivo do simulacro, que era ter a seguridade de que estamos preparados para unha emerxencia deste tipo, logrouse”. Unha opinión compartida por María José Montero, técnica de Prevención de Riscos Laborais da Universidade de Vigo, que salienta que salvo pequenos detalles todo se desenvolveu tal e como estaba previsto para resolver con éxito a emerxencia.

Amplo despregue de efectivos e persoas

Para pór a proba esta capacidade de resposta, o simulacro mobilizou a numerosos efectivos de emerxencias da cidade e á comunidade universitaria do edificio, onde se atopan a Facultade de Ciencias e a Escola Superior de Enxeñaría Informática. Unha vez saltada a alarma, e seguindo cada un o papel que ten adxudicado no Plan de Autoprotección, o persoal do centro procedeu á evacuación de todo o edificio e á súa concentración perante el. Mentres tanto acudiron á chamada de emerxencia efectivos de Bombeiros, Policía Local, Policía Nacional, Protección Civil da Xunta de Galicia, Protección Civil do Concello de Ourense e 061. Eles foron os encargados de asistir e trasladar aos tres feridos, de rescatar a un atrapado, de extinguir o fogo e de atender á seguridade do recinto e das persoas. Todo elo baixo a atenta ollada do alumnado evacuado, que asistía entretido á escena como se dunha película se tratase.

Media hora despois de iniciado o simulacro, o edificio regresou á normalidade mentres uns e outros comentaban as incidencias da emerxencia. Especialmente centrados na súa avaliación estaban os responsables das diferentes entidades que participaron na emerxencia, entre os que se atopaban Xosé Manuel García, vicerreitor de Economía e Planificación da Universidade de Vigo; Aurelio González, responsable do Parque de Bombeiros de Ourense; Jorge Llorente, xefe do servizo de Emerxencias da Xunta de Galicia en Ourense; José Antonio Rodríguez, xefe de Sección de Protección Civil; e Manuel Fernández, responsable de Protección Civil do Concello de Ourense.

O simulacro será analizado detidamente polos seus responsables para a súa mellora pero en todo caso, o director da emerxencia advirte da necesidade e relevancia da súa realización, “pois nunca estamos libres de que se produza un incendio deste tipo e temos que estar preparados para reaccionar”.