DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un mural do grupo WASACACA dá, desde este xoves, a benvida aos visitantes ao centro

O Edificio Xuridico-Empresarial estrea a súa nova entrada 'En rede'

A obra gañou o II Concurso de Intervencións Artísticas Campus de Ourense

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 19/05/2011

“A idea que queremos transmitir é a de rede, de conectividade, de globalidade... termos que hoxe en día están dun modo ou doutro moi presentes nas nosas vidas e que no caso dun edificio coma este, que acolle unha Facultade de Dereito e outra de Ciencias Empresariais e Turismo, acadan maior significado”. Deste xeito explican Delio Rodríguez e Salvador Neira, compoñentes do grupo artístico WASACACA o seu mural En rede que desde este xoves ocupa a entrada do Edificio Xuridico-Empresarial. A súa creación foi a gañadora II Concurso de Intervencións Artísticas Campus de Ourense.

A obra, en cores azuis e grises, ocupa as dúas paredes laterais da entrada do edificio, cunhas dimensións cada unha delas de arredor de 6 por 3 metros, e o espazo frontal superior que as une. Durante seis días, os seus creadores pintaron liña a liña as múltiples conexións que unen os diferentes continentes que ilustran as paredes. Trátase, segundo os autores, “dun mapamundi inspirado nos mapas web das redes sociais, que na actualidade conectan á poboación mundial como se se tratase dun gran cerebro colectivo en continua sinapse”.

Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e Miguel Michinel, decano da Facultade de Dereito, foron dous dos primeiros espectadores que puideron ollar este xoves a obra rematada. Ambos amosáronse moi satisfeitos co resultado acadado, tanto pola súa estética como pola idea que subxace detrás. A través deste mural, sinalaron, conséguese valorizar un espazo ata agora sen aproveitar e ofrécese unha imaxe de benvida ao edificio moi dinámica, fresca e actual.

Ao premio, dotado con 3000 euros, presentáronse un total de 21 propostas de expresións artísticas moi diferentes, desde o mural, como a obra gañadora, á escultura. Para a elección da obra gañadora, o xurado, composto por representantes do campus de Ourense e de expertos do eido artístico, valorou especialmente aspectos como a conexión da obra coa contorna, a interacción co edificio e o emprego de materiais que contribuísen á sostibilidade ambiental. O resultado, visible xa na entrada do Edificio Xuridico-Empresarial.