DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A asemblea da UNE reúne en Vigo a representantes de 59 entidades

As editoriais universitarias afrontan o futuro apostando por consolidarse como altofalantes da produción científica

Os retos destas publicacións pasan pola adaptación ás novas tecnoloxías

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 12/11/2009
Lonxe de comunidades científicas illadas traballando de costas á súa contorna, a investigación universitaria, en calquera dos campos do saber, fai tampo que apostou pola transferencia de coñecemento devolvéndolle á sociedade toda a colaboración que ela lle achega. Neste traballo de divulgación científica, as editoriais e os servizos de publicacións das universidades cumpren un papel importante como altofalantes de todas estas actividades. Por este motivo, a Asemblea Xeral da Unión de Editoriais Universitarias Españolas centra a súa vixésimo oitava edición nesta función da edición universitaria ao servizo da ciencia. No acto inaugural, o reitor da Universidade, Alberto Gago, quixo recoñecer o especial interese do labor levado a cabo pola UNE, “xa que axuda a equilibrar o perfil das nosas universidades, para que sexan máis completas e mellores”. Así, destacou tamén que as editoriais universitarias “ao tempo que nos obrigan a fixar pautas de calidade, convértense tamén nun vehículo de difusión para actividades que acadan estes niveis de calidade pero non atopan oco nas canles comerciais”.
Pola súa banda, Francisco Fernández Beltrán, presidente da UNE, explicou que “a finalidade deste encontro é debater sobre o papel do libro como medio de difusión da investigación e, coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia, os editores non podemos quedar á marxe desta actividade de divulgación”. Ademais, sobre esta xuntanza planean varios retos de futuro no eido editorial, sobre todo aqueles relacionados coas novas tecnoloxías e a adaptación dos libros a esta realidade 2.0.
Sobre a utilidade das publicacións das editoriais universitarias, o reitor quixo puntualizar tamén a súa función equilibradora. “Hai 15 días acollemos en Vigo o Congreso da Asociación Ibérica de Estudios de Traducción e Interpretación o e Congreso Internacional de Literatura Comparada que, xunto con esta xuntanza, constitúen un contrapeso á potencia e á presenza, incluso abrasiva, dos ámbitos científicos e tecnolóxicos”, explicou. “Temos que lembrar que a xeración e transferencia do novo coñecemento realízase en todos os ámbitos e dende todas as perspectivas, os libros son altofalantes de todas as actividades desenvoltas no seo da universidade”.

O futuro pasa polas novas tecnoloxías

Cando o debate público pasa polo futuro do libro en papel ou a súa substitución polos ebooks, as editoriais e servizos de publicación universitarios non poden ser alleos a este panorama. As novas tecnoloxías cómenlle terreo á edición tradicional e a adaptación resulta inevitable. Ante este futuro inminente, Joaquín Rodríguez, editor e autor de Edición 2.0. Os futuros do libro, animou aos asistentes a interrogarse sobre o papel destas editoriais e “os editores temos moito que dicir sobre os cambios que se aveciñan”. Poñendo a súa propia experiencia profesional como exemplo, Rodríguez destacou a evidencia de que, pese a ter escrito varios libros, dirixido mestrados ou editado revistas, “a maioría de vós coñecédesme polo blog sobre o futuro do libro”. O dixital manda, “a visibilidade e o impacto destas bitácoras dixitais é maior ca das publicacións tradicionais” e agora as canles de difusión do coñecemento non son as mesmas, “non son privativas e multiplican a difusión exponencialmente”. De feito, o cambio é tan inminente que Rodríguez afirmou que “o papel está desfasado e a metamorfose do noso traballo é inevitable, aínda que en moitos casos non o queremos admitir”.

O papel dos medios de comunicación

Outro dos ponentes desta primeira xornada do congreso foi Antonio Marín, xornalista especializado no eido científico da Universidade de Granada. O seu achegamento ao tema, dende fóra do eido editorial, proporcionou unha visión diferente sobre o feito comunicativo. www.plataformasinc.es, www.alphagalileo.org ou www.eurekalert.org son algúns dos exemplos que Marín expuxo aos asistentes como canais de divulgación científica. O impacto destas plataformas dixitais é moi alto e a súa efectividade máxima e “é labor dos servizos de comunicación das universidades proporcionarlles a estas webs as novas para que as difundan, o ideal é darlles todo o máis mastigado posible e isto pode facerse tamén cos libros”. Marín convidou aos representantes das editoriais e dos servizos de publicación a tentar facilitar o traballo dos xornalistas científicos, facendo libros atractivos, que se vendan sos, porque para difundir e divulgar ciencia e facer transferencia de coñecemento “o xornalista científico é o comprador, temos que venderlle a el a información para que el a difunda”.
Sobre a importancia das webs, Antonio Marín, partindo da súa experiencia laboral, destacou por riba de todo as páxinas internacionais. “Dáse a paradoxa de que cando difundimos entre os medios algunha investigación ou traballo científico atopámonos que non ten difusión. En cambio, cando esta información a publicamos en páxinas como www.alphagalileo.org ou www.eurekalert.org, salta aos medios nacionais de maior difusión. Estas webs actúan como filtros de calidade”.
Esta primeira xornada da asemblea rematou coa entrega dos XII Premios Nacionais de Edición Universitaria, entre elas Cartografía Geológica. Guía tridimensional interactiva da UNED; Colección América da Universitat Jaume I; Estudios sobre Oviedo (obra completa de Juan Uría y Ríu, tercer volumen) da Universidad de Oviedo; o Catálogo das Edicións da Universidad de Cantabria; Obras escogidas. El Fascismo: perspectivas históricas y comparadas (Vol. 1) y Nación, Estado y lengua (Vol. 2) de Juan J. Linz do Centro de Estudios Políticos y Constitucionales e La variación de los animales y las plantas bojo domesticación de Charles Darwin. Traducción de Armando García González, CSIC.
O simposio, que continúa mañá venres, será clausurado ás 13.45 horas polo concelleiro de Cultura e Turismo, Roberto Valera e conta, paralelamente, cunha mostra de libros científicos. Coincidindo ademais coa Semana da Ciencia, estas obras están expostas tamén nas librarías Universitaria Sur, Martín Codax, Librouro e A Libroteca, xunto coa selección que se atopa no Paraninfo da Reitoría, lugar de celebración do congreso.