DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sorte dispar para os equipos de rugby

O Ednon TRC perde fronte ao Durango cun xogo pobre e pouco atinado

Excelente debut para o Equipo B cun 78-0 fronte ao Ferrol

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 27/10/2008
O encontro de onte no terreo de xogo do campus de Vigo saldouse cunha derrota do Universidade Ednon TRC fronte ao Durango, verdugo dos vigueses a pasada tempada. O partido correspondente á terceira xornada de Liga pechouse cun 5-16. Desta vez a sorte non acompañou aos mozos de Babini e o rival, facendo o mínimo e xogando intelixentemente, levouse a vitoria.
Os vascos marcharon ao descanso cun cómodo 0-6 grazas a dous golpes de castigo. Parecía que na segunda metade o marcador ía dar a volta cando un ensaio de Paco colocaba un esperanzador 5-6. Pero a alegría durou pouco, nun golpe de castigo centrado a favor do Ednon TRC pérdese o balón e a partir de entón xa nada se puido facer. Novos ataques nos que sempre se elixía a peor das opcións e, nunha ocasión, cando o público se poñía de pé para celebrar un novo ensaio, de novo marchaba o balón á zona de marca do Durango, que se volvía a poñer no campo dos vigueses cun novo golpe de castigo ao seu favor e un ensaio transformado. Ao final 5-16 e o Universidade cun xogador menos, pasando a ocupar a quinta posición na clasificación da División de Honra B.
O adestrador Aníbal Babini sinalaba que “o Durango foi un equipo forte e xogou con moita presión”. A clave da derrota estivo en que “non soubemos aproveitar as oportunidades que tivemos e cometemos máis erros que o Durango, que non desperdiciou ningunha ocasión converténdoa en puntos”, explicaba Babini.
Ao mal xogo e á falta de sorte hai que engadirlle a labor pouco acertada da colexiada madrileña Díaz. Dende o equipo pídeselle á Federación que revise o nivel de arbitraxe nesta categoría, que Ramón Pérez, responsable de prensa do Universidade Ednon TRC, caracteriza de “penoso”.
Despois dun par de semanas de descanso, a volta ó xogo será o 15 de novembro, de novo na casa, fronte o Gernika.

O equipo B estréase cunha contundente vitoria

A espera resultou positiva para o equipo B despois de non poder debutar esta tempada en As Pontes fronte ao Fendetestas, por mor da falla de servizo médico no terreo de xogo. Esta fin de semana enfrontouse ao Ferrol na casa e venceu por 78-0. O equipo, formado por varios xuvenís do ano pasado, recibirá a vindeira fin de semana ao CRAT B.