DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Serra do Galiñeiro acollerá a 300 corredores no VIII Trofeo Universidade de Vigo de Orientación

O Ednon Universidade viaxará a Cataluña en busca da remontada no encontro fronte ao Barcelona UC

O equipo feminino, o xuvenil e os cadetes tamén disputarán partidos esta fin de semana

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
S. Alcázar DUVI 27/11/2009
Este domingo o equipo vigués da División de Honra B viaxará ata o campo da Foixarda, na cidade condal, na procura de puntos na liga, na que acumula un total de catro derrotas e dúas vitorias. O seu rival, o Barcelona Universitari Club, vén de disputar un derbi xunto ao FC Barcelona no que foi derrotado cun resultado moi axustado, o único encontro que o equipo universitario catalán perdeu ata o de agora. A mala racha que ultimamente acompaña ao conxunto vigués podería desaparecer nesta sétima xornada que será unha nova oportunidade de remontar e poder escalar postos na táboa para os homes de Anibal Bambini.
Por outra banda, dous dos tres partidos programados para esta fin de semana terán lugar no campo de Lagoas Marcosende. En primeiro lugar, o equipo feminino xogará este sábado ante o CRAT A Coruña na segunda xornada da Liga Galega Feminina, na que o conxunto da cidade herculina ocupa o primeiro posto, polo que non será un rival doado para o equipo vigués, que caeu ante o León a pasada xornada cun resultado moi axustado de 15 puntos fronte a 17. O campus de Vigo tamén acollerá o encontro da terceira xornada da Liga Galega Xuvenil, no que o equipo da Universidade de Vigo e o CR de Lalín Coreti veranse as caras este domingo. Os xogadores vigueses acudirán moi animados á cita, posto que veñen de triunfar ante o Zalaeta a pasada fin de semana nun encontro no que acadou un total de sete puntos, colocándose no segundo posto da táboa, por debaixo do CRAT. Namentres, os cadetes inician este domingo a nova tempada, na que esperan ter máis sorte ca na anterior, na que obtiveron o derradeiro posto na clasificación. O encontro terá lugar en Acea da Ma, onde xogarán contra o CRAT A Coruña, que pola contra, resultou gañador da anterior edición da Liga Cadete Galega.

300 persoas probarán a súa orientación este sábado

Preto de 300 corredores de toda Galicia achegaranse este sábado ata a Serra do Galiñeiro para competir na derradeira proba da XVIII Liga Galega de Orientación, composta por un total de sete itinerarios establecidos segundo o nivel de dificultade e por diferentes categorías (dende iniciación ata elite), definidas por grupos de idade comprendidos entre os 12 e os 45 anos en adiante nas que calquera pode participar. Nas categorías superiores atópanse dous membros do equipo universitario vigués de Orientación:Carla Veiga en damas elite e Jose Mª Álvarez na categoría homóloga masculina. O seu adestrador, Jose Luis Armada, ten as esperanzas postas en ambos corredores, con moi boas expectativas para acceder ao podio nas dúas categorías. A carreira comezará ás 9.30 horas da mañá coa entrega de cartóns aos participantes, mentres que a saída está prevista para as 10.30 horas. O peche da meta será ás dúas da tarde, hora na que os tres primeiros clasificados de cada categoría serán premiados cun trofeo.