DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É o primeiro equipo deste deporte en obter da Xunta de Galicia a consideración de deporte de elite

O Ednon Universidade de Vigo apela aos valores do rugby para afrontar a nova tempada

O club continuará cunha clara aposta polo deporte de base e as categorías inferiores

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 06/10/2009

O Ednon Universidade de Vigo é o primeiro equipo de rugby que obtén da Xunta de Galicia a consideración de deporte de elite e, como tal, o obxectivo para esta nova tempada é levar esta disciplina ao máis alto nivel estatal. Coas novas incorporacións e o apoio de institucións e empresas para superar os atrancos económicos, a tempada 2009/2010 na División de Honra B preséntase “complicada e moi competitiva”, segundo explicou no acto de presentación do equipo o seu presidente, Ramón González-Babé. Pero ante o alto grao de competitividade co que arranca a liga, sobre todo tras o descenso do Getxo da División de Honra B, a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª Carmen Cabeza, aposta polo potencial do equipo “que ten grandes expectativas e experiencia para superar momentos complicados, como os vividos o ano pasado e, a pesar dos cales, remataron terceiros”. Máis aló dos obxectivos deportivos, que pasan por situarse nos dous primeiros postos, o club manterá unha aposta clara e decidida pola canteira, traballando co deporte base a través das escolas deportivas.

Novas incorporacións

Para esta nova andaina, o equipo da División de Honra B conta con novas incorporacións, o primeira liña Leonardo Bulacio, o segundo liña Mariano Bernalde, Mariano Pereira e Carlos de Cabo así como rapaces das categorías anteriores que se consolidarán no equipo. Con todo, o primeiro dos encontros de liga disputouse este pasado domingo na casa e saldouse cunha derrota por 17-20 ante Oviedo Feve RC. “É xa case unha tradición comezar mal, pero agora toca repoñernos e loitar nunha categoría na que os equipos cada vez son máis fortes e se reforzan máis”, comentou Babé.

Problemas financeiros

Outra das frontes abertas do Ednon Universidade de Vigo é a do financiamento. Despois dos problemas da pasada campaña, para este ano o club renova co seu patrocinador principal Ednon, a cuxos representantes agradeceu o presidente a súa “aposta por este deporte, do que foi xogador o seu director xeral, Francisco Bao”. Xunto con eles, estarán co equipo Caixanova, Estrella Galicia, Intrugasa Pérez Rumbao e, como novidade, Xacobeo 2010, ao entrar o equipo dentro do deporte de elite. “Temos que aproveitar todas esta axudas, sobre todo en momentos tan complicados como estes”, apuntou o presidente, que destacou a achega de Pérez Rumbao que vai permitir a creación de bolsas de estudos para os novos xogadores que cheguen á Universidade. Para as categorías inferiores, o principal patrocinador será Torres y Carrera da man dos que “comezamos a campaña da botella para Lomu, que sigue adiante e agardamos que chegue ao seu destinatario”, o ex xogador dos All Blacks, Jonah Lomu.
Xunto con estas empresas, a Universidade de Vigo é a principal institución que se atopa detrás do equipo cunha clara aposta polo fomento do rugby no eido universitario. “Temos moitas esperanzas postas no rugby, nos seus valores e na capacidade dos xogadores”, destacou a vicerreitora. Xunto con institución académica, a Deputación Provincial continuará este ano tamén respaldando o club. O seu responsable de Deportes, Xosé Enrique Sotelo, reafirmou a súa colaboración “a prol do deporte de base a través das escolas de rugby” e salientou o labor loable tanto da Universidade como dos patrocinadores por apoiar este deporte “tradicionalmente vinculado á universidade, non moi numeroso, pero cuns valores moi apropiados”.
Precisamente os representantes das empresas colaboradoras coincidiron en subliñar esas características relacionadas co rugby como o gran valor “polo que temos que apostar todos, valores que queremos que tamén transmitan as nosas empresas xa que se trata dun deporte duro pero nobre”, puntualizou o representante de Pérez Rumbao, Emilio Pérez.
Trala presentación oficial, a próxima cita do equipo será o vindeiro 25 deste mes en Eibar, un dos rivais directos dos universitarios na loita polas primeiras prazas da División de Honra B.