DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No seu primeiro encontro da División de Honra B do rugby español

O Ednon Universidade de Vigo comeza con mal pé e perde fronte ao Oviedo

Mañá martes terá lugar a presentación oficial do equipo

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Lucía Costas DUVI 05/10/2009

A pesar de que viña cargado de enerxía despois dunha pretempada invicto, o Ednon Universidade de Vigo perdeu, onte, o seu primeiro encontro de Liga fronte ao Oviedo Feve RC por 17-20. “Foi un partido moi disputado onde todo se decidiu nos últimos minutos”, sinalaba o adestrador Anibal Babini.
Foron os vigueses os que comezaron dominando por 6-3, chegando ao descanso cun 9-3. Todo cambiou na segunda parte, “onde o Oviedo, cunha firme defensa, deulle a volta ao marcador”. Non obstante, na recta final o xogo igualouse pero “non atopamos o camiño e recibimos un golpe de castigo”, subliñaba o adestrador.
Ademais de para amosar a boa predisposición do conxunto, o encontro, que deu comezo á súa andaina na División de Honra B do rugby español, categoría onde xa quedaran terceiros na pasada tempada, serviu para presentar as novas incorporacións do club: Carlos de Cabo, Mariano Pereira e Leonardo Bulacio. Por outra parte, a baixa do medio melé Alberto Mera “influíu tamén, de xeito importante, no resultado final”.

Presentación oficial

Precisamente este martes, o Ednon Universidade de Vigo será presentado oficialmente ás 13.00 horas na sala I do Edificio Miralles. Ao acto asistirán Mª del Carmen Cabeza, vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes; Ramón González-Babé, presidente do club; Anibal Babini, director deportivo e adestrador; José Enrique Sotelo, da Área de Deporte da Deputación de Pontevedra e representantes dos diferentes patrocinadores do equipo nesta tempada.

Vindeira cita en Eibar

Despois desta primeira xornada de Liga, o Ednon Universidade de Vigo colócase sexto na táboa de clasificación cun punto. Haberá que agardar ata a última fin de semana do mes de outubro para volver a ver aos vigueses en acción. Desta quenda será en terras guipuscoanas fronte ao Eibar Hierros Anetxe RT, outro dos derrotados onte.