DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Ednon Universidade de Vigo imponse ao Durango e faise co segundo posto da táboa

O equipo B tamén trouxo unha vitoria de Ferrol esta fin de semana

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 02/11/2009

O vento, a chuvia e o Durango non foron impedimento para que o Ednon Universidade de Vigo se fixese este domingo coa vitoria nun encontro, non obstante, moi disputado e competitivo. No campus e ante o pechacancelas da División de Honra B, os universitarios sacaron adiante un partido igualado e no que as condicións meteorolóxicas foron condicionantes en todo momento. Finalmente, os vigueses impuxéronse 17-12 sacando o máximo rendemento na segunda parte, tras chegar ao descanso cun marcador favorable de 6-0, o que os sitúa como segundos clasificados con 9 puntos por detrás do Hernani, con 13.

As condicións climáticas, claves no encontro

Cun intenso vento e un campus universitario envolto en néboa, o Ednon Universidade de Vigo tivo que despregar unha férrea defensa para facerlle fronte ao Durango. Segundo apuntan dende o club “o vento que atravesaba o campo era determinante en canto á posición na que se xogaba o partido e a chuvia facía moi difícil manexar o balón” e, no primeiro tempo favorecía aos vascos que empregaron o pé con vento a favor e mantiveron o xogo en territorio vigués, tendo dúas oportu,nidades de converter a paus “pero sen o acerto do seu pateador”.
Grazas ao traballo da defensa viguesa, os locais tiveron tres oportunidades nas que gañaron terreo “pasando a xogar en campo visitante con ataques continuados” situación ante a que os vascos caeron en infraccións con golpe de castigo. Mauro transformou en puntos 2 deses golpes de castigo, indo ao descanso con 6-0.
De volta, e xa co vento a favor, os vigueses non sacaron en principio todo o rendemento que deberan e o Durango viuse arriba e obrigou ao Universidade a presionar ao equipo visitante. Mauro fallou un par de tiros pero converteu outros dous, deixando o marcador 12 a 7 a favor do Ednon. Así, e exercendo presión, os locais lograban que Durango cometera erros, ata que logo de varios ataques continuados, e tras un par de pases “chegou o balón aos pés de Mauro, empuxándoo á zona de ensaio” e anotando. Finalmente o colexiado pitou final, tras un último intento infrutuoso do Durango, e deixando o marcador co definitivo 17 a 12 para o Universidade.
A vindeira xornada, o Ednon terán ante si un encontro complicado medíndose fóra da casa ao FC Barcelona.

Vitoria tamén para o B

O equipo da 1ª Territorial Galega volveu cunha vitoria do seu desprazamento a Ferrol desta fin de semana. Cun primeiro tempo bastante disputado e parello, o equipo B foi quen de impoñerse ao CR Ferrol por 32-7, un marcador que é resultado do dominio dos vigueses no segundo tempo, tras volver do descanso cun 8-7 no marcador. Nesta segunda parte, os vigueses fixeron notar a súa superioridade e marcaron o rumbo do partido acadando 4 ensaios máis e poñendo fin ao encontro cun contundente resultado.