DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O club fai un chamamento para aumentar o número de socios

O Ednon Universidade de Vigo viaxa a Barcelona en busca da terceira vitoria

O equipo B medirase ao Zalaeta e o feminino comeza a tempada cun amigable

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
S. Alcázar DUVI 06/11/2009

Con moitos ánimos despois de acadar dúas vitorias consecutivas fronte ao Eibar e ao Durango respectivamente, o Ednon Universidade viaxa esta fin de semana a Barcelona para disputar un partido no que loitará por manter a súa racha de triunfos. Pola contra, o FC Barcelona sufriu unha acusada derrota na terceira xornada fronte ao Hernani CRE, que ocupa o primeiro posto na clasificación da División de Honra B e será o seguinte rival do equipo vigués. O encontro da cuarta xornada terá lugar o domingo no campo da Teixonera ás 12.30 horas. Por outra banda, os xogadores do Ednon vense obrigados a desprazarse en autobús ata a cidade condal polo escaso financiamento do que dispón o club, que fai un chamamento para aumentar o número de socios e aliviar así a situación económica do equipo.

Encontros do equipo feminino e equipo B

León é a próxima parada do equipo feminino de rugby, na que disputará o primeiro partido amigable da temporada co equipo local. O encontro precede ao inicio da tempada 2009/2010 da Liga Feminina Galega que dará comezo o vindeiro 21 de novembro.
Por outra banda, o conxunto da 1ª Territorial xogará no campus ante o líder da clasificación, o Zalaeta Universidade, o sábado ás 17.00 horas. O equipo B loitará por sumar un resultado favorable á súa lista de vitorias despois de derrotar a pasada xornada ao CR Ferrol.

Inicio do rugby infantil

Para os que non coñecen este deporte, a partir do vindeiro 14 de novembro os nenos de cinco anos en adiante poderán achegarse a esta disciplina grazas á iniciativa do Vigo Rugby Club, encargado de organizar a escola na que os cativos comezarán a familiarizarse cos valores e fundamentos do rugby e entrarán en contacto con este deporte poñendo en práctica distintas técnicas e xogadas no campo de herba do campus. No caso de que o clima non sexa favorable, cabe a posibilidade de que os adestramentos se trasladen ao pavillón. Os nenos e nenas participantes deberán levar equipamento deportivo e acudir acompañados dos seus pais ou algún responsable aos adestramentos, que terán lugar todos os sábados de 11.00 h a 12.30 h.