DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Ednon Universidade volveu de Barcelona coas mans baleiras

O equipo vigués caeu ante o Universitari por 23 puntos fronte a 32

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
S. Alcázar DUVI 30/11/2009

A visita á cidade condal este domingo non foi moi produtiva para o Ednon Universidade de Vigo. Os nervios e a desconcentración sumados a un forte rival puxeron as cousas difíciles para o equipo vigués, que se enfrontou a un Barcelona cunha aliñación moi renovada con respecto ao ano pasado. O equipo catalán soubo manexar dende un principio a situación grazas á boa planificación das súas xogadas, mentres que o Ednon perdeu o control na segunda parte cometendo unha serie de erros que impediron o ansiado triunfo do conxunto vigués. Ao pouco de comezar o partido, o Barcelona Universitari colocouse no campo vigués e fixo o seu primeiro ensaio, sumando sete puntos ao seu favor. A reacción do Ednon non se fixo esperar e aproveitou os golpes de castigo cometidos polo rival para empatar. O encontro tornouse de ida e volta, sen ningunha variación no resultado, ata que o equipo catalán acadou un novo ensaio poñéndose de novo en cabeza. A partires dese momento, o equipo vigués decidiu remontar e conseguiuno sumando dous tantos que puxeron o marcador en 17 puntos fronte a 14. Na segunda parte o Ednon seguiu liderando o encontro despois de encaixar dous golpes de castigo por parte de ambos equipos, que sumaron tres puntos respectivamente. Minutos despois, Mauro achegouse ata a liña de ensaio para conseguir un novo tanto co que obtivo un total de 23 puntos fronte a 14 do equipo local. Deste xeito o Ednon parecía estar máis preto de acadar o triunfo, pero a falta de 15 minutos para rematar o encontro, o conxunto vigués perdeu os nervios. A desesperación deu lugar a unha serie de malas xogadas que o equipo rival soubo aproveitar. O bloqueo dun despexe e os erros da defensa permitiron ao Barcelona Universitari realizar outro ensaio poñéndose en cabeza no marcador, mentres que Mauro Álvarez foi sancionado cun cartón amarelo. Un tiro a paus e un novo ensaio daban a vitoria definitiva ao equipo rival, cun resultado de 32 puntos fronte a 23.
Con esta, son cinco as derrotas que suma o Ednon na primeira volta da Liga, a pesares de estar moi preto de obter resultados favorables nos encontros perdidos. Na oitava xornada, o conxunto vigués recibirá ao Oviedo Feve RC nun encontro no que deberá facer un grande esforzo por recuperarse e tentar sumar puntos na clasificación, na que polo momento ocupa o sexto lugar.

Contundentes derrotas dos conxuntos feminino e cadetes e vitoria para o equipo xuvenil

A sorte tampouco acompañou ao equipo feminino, que caeu ante o CRAT A Coruña nun partido disputado nunhas condicións meteorolóxicas moi duras. O Vigo RC non foi quen de sumar tantos no seu marcador, polo que sufriu unha contundente vitoria por parte do equipo coruñés, que acadou un total de 47 puntos a pesares da choiva e o vento, que converteron o campo de xogo nun lamazal, o que dificultou a consecución das xogadas por parte de ambos equipos. Pola súa banda, os cadetes tampouco fixeron un bo inicio da tempada, posto que sufriron unha acusada derrota ante o CRAT cun resultado final de 57-0.
Namentres, na Liga Xuvenil as cousas van vento en popa para o equipo vigués, que foi o vencedor no encontro da terceira xornada fronte ao Lalín Coretti, que perdeu con 5 puntos fronte a 12 nun encontro no que os xogadores vigueses resultaron ser uns rivais complicados para o Lalín, que xa viña de encaixar dúas derrotas, mentres que o Vigo RC acadou o primeiro posto na clasificación grazas á súa actitude e ao seu esforzo neste encontro.