DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Instituto Español de Oceanografía formaliza a súa participación como socio promotor

Eduardo Balguerías, director do IEO: “Habería que estar moi cego para non darlle a Campus do Mar a categoría de Campus de Excelencia”

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 17/09/2010

O Instituto Español de Oceanografía vén de formalizar a súa participación como socio promotor no proxecto de Campus do Mar, sumándose así ás tres universidades galegas e ao CSIC. Nos seus nove centros oceanográficos costeiros, cinco plantas experimentais de acuicultura, doce estacións mareográficas e media ducia de barcos oceanográficos, traballan centos de investigadores e investigadoras dedicados ao estudo multidisciplinar do mar e en especial aos problemas derivados da explotación dos recursos e da contaminación. Co director do IEO, Eduardo Balguerías, analizamos na seguinte entrevista as razóns da implicación do Instituto co Campus do Mar e a súa opinión sobre as posibilidades do proxecto para se converter en Campus de Excelencia Internacional.

Cal é a razón ou razóns que levan ao IEO a formalizar a súa participación como socio promotor de Campus do Mar?
O IEO decidiu apoiar o Campus do Mar porque creemos firmemente na colaboración científica. Levamos moitos anos traballando en investigación mariña aplicada e nos damos conta que os retos que temos non somos suficientes, nin en medios económicos, nin en medios persoais, para acometelos, pero nin nós, nin as universidades, nin ningunha institución de investigación. A unión de esforzos permitirá unha multiplicación de resultados e ademais temos unha obriga coa sociedade de utilizar eficazmente los recursos que pon a nosa disposición e iso non o podemos facer por separado.

Que pode achegar o IEO a este proxecto que ten Galicia e o Norte de Portugal como epicentros?
Nós temos desde hai moitos anos unha implantación en Galicia, creo que non me equivoco se digo que é a primeira institución de investigación mariña que se estableceu en Galicia Estamos comprometidos co apoio aos sectores produtivos galegos e españois, porque esa é unha das razóns polas que se creou o Instituto. Pensamos que podemos contribuír na medida das nosas posibilidades ao desenvolvemento social, á formación de investigadores de profesionais dedicados á mar, ao sector marítimo e cun horizonte de sostibilidade. Creo que son razóns máis que suficientes.

Que opinión lle merece o carácter transfronteirizo do proxecto que conta coa participación de universidades e centros de investigación galegos e portugueses?
Debe ser así porque a investigación, como a ciencia e o propio mar, non ten fronteiras. Esta é unha tarefa de todos e entre todos temos que sacala adiante e o Campus do Mar dános un marco de integración, de conxunción de sinerxías, un foro de coordinación que quizais agora non existe na procura da eficacia.

Considera que o proxecto da Universidade de Vigo ten polo tanto merecementos para acadar a designación de Campus de Excelencia Internacional?
Non me cabe a menor dúbida de que o Campus do Mar da Universidade de Vigo reúne todas as calidades para ser Campus de Excelencia. É transfronteirizo, multiinstitucional, ten o apoio da sociedade e dos sectores produtivos, o apoio das institucións tanto local como autonómica, ten as infraestruturas necesarias, os medios necesarios para poñerse a marchar a un nivel moi elevado. Non debemos esquecer que en Galicia están concentradas a maior parte das infraestruturas dedicadas á investigación mariña , así como un elevado número de investigadores. Creo que habería que estar moi cego para non darlle a categoría de Campus de Excelencia Internacional, ademais estando implantado nunha rexión aberta ao mar que
naceu da mar e que vive da mar e que ten o seu futuro comprometido coa mar.

Para rematar e para coñecer cun pouco máis de detalles o traballo que desenvolve o Instituto, ademais do estudo multidisciplinar do mar e en especial dos problemas derivados da explotación dos recursos e da contaminación, o IEO actúa tamén como asesor científico en negociacións internacionais sobre acordos pesqueiros . Como se desenvolve esta función?
Nós temos unha compoñente importante de asesoramento que non nace da nada senón que ten unha base de investigación de excelencia porque canto máis excelente sexa a investigación, mellor será o asesoramento. E ese é o noso obxectivo como institución. Moitas veces a xente queda coa idea que o Instituto asesora pero non se dan conta que detrás dese asesoramento existe todo un proceso de investigación, unha conxunción de equipos de investigación multidisciplinares que son quen de integrar todo o seu coñecemento para dar unha resposta que cara á sociedade pode parecer moi simple pero que conleva un esforzo extraordinario de moitas persoas.