DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves formará parte do xurado na defensa dunha tese

Eduardo Meditsch analiza o "xornalismo post-media" ante os estudantes de Publicidade e Relacións Públicas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Camino Carballeira DUVI 10/12/2008

O especialista brasileiro en radioxornalismo Eduardo Meditsch é protagonista estes días na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e o é desde a outra beira do Atlántico. Meditsch participou este mércores a través de videoconferencia nunha clase cos alumnos de Teoría da Comunicación e doutourandos e este xoves actuará de xurado na presentación da tese El consumo activo de los nuevos usuarios en Internet: amenazas y oportunidades para la radio musical (digitalizada) de Joao Paulo Araújo Meneses e dirixida polo profesor Daniel Martí.
Meditsch, profesor e investigador da Universidade Federal de Santa Catarina de Brasil, sinalou que Internet “alén de ser un medio de comunicación” preséntase como “unha nova maneira de pensar e socializar os pensamentos que ten impacto na forma de producir e provocará unha reestruturación do modelo social e cultural nas próximas décadas”.
Unha das achegas máis significativas da súa intervención na que afondou no rol do xornalista en este novo contexto, foi a explicación do concepto de “xornalismo postmedia”, unha nova práctica desta actividade fronte aos “obstáculos das empresas para realizar os valores clásicos do xornalismo”.
Preguntado polos alumnos sobre o futuro profesional e as oportunidades de emprego para os licenciados en comunicación, Meditsch avogou por unha reconfiguración do papel do xornalista na sociedade e apuntou á “credibilidade” como valor que vai xustificar a súa profesionalización nun contexto no que calquera pode converterse en produtor de contidos.

Presentación da tese de Joao Paulo Araújo

Esta última reflexión levou a profesor a recordar o traballo de investigación de Joao Paulo Araújo Meneses que se presenta este xoves e cuestiona o futuro que lle agarda a radio ante a posibilidade de que os mozos de hoxe poidan programar a súa propia música. A pregunta que subxace neste contexto é, segundo afirmou Meditsch, a de “¿qué é radio?” xa que ata agora esta viña definida polo seu soporte e na actualidade, ao poder usar varias tecnoloxías, “o concepto perde solidez”. O relator si considera que a radio “como modelo de negocio non ten futuro” pero considerou a súa “economía de atención” como a mellor carta que pode xogar para permanecer nunha sociedade cunha continua falta de tempo.