DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O encontro 'Digit@lis' céntrase nas redes sociais, a comunicación e o ensino

A educación 2.0 chega ás aulas para quedarse

O 1 e 2 de decembro na Casa das Campás

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 23/11/2011

O mundo dixital é unha realidade e tal é o seu alcance que poucos sectores da sociedade escapan a súa influencia. Un dos campos que pode sacar o máximo proveito desta nova transformación é a educación, botando man de ferramentas que desenvolvan un método de aprendizaxe constante e colaborativo nunha contorna aberta e de fluxo continuo. Co obxectivo de achegar á comunidade universitaria esta nova realidade, a profesora Isabel Suárez, en colaboración coa Vicerreitoría do campus, organiza Digit@lis, un encontro sobre redes sociais, comunicación e educación 2.0, que se celebrará na Casa das Campás o 1 e 2 de decembro. Como explicou Suárez na presentación das xornadas, o mundo do ensino non se atopa aínda preparado para asumir este rol, pois tanto alumnado como profesorado “non reciben a formación suficiente para que a docencia se poida desenvolver nun ámbito 2.0”, máis propicio para potenciar a creatividade, a eficiencia e a produtividade dunha aula.

A vicerreitora do campus, Antonia Blanco, tamén salientou na presentación das xornadas a necesidade de formar a profesionais do mundo da docencia en esta nova realidade, sinalando que “as institucións educativas non poden deixar esta cuestión ao azar e deben ser referentes no emprego de ferramentas abertas que veñan a enriquecer a clase”. Para Suárez "cómpre un cambio de mentalidade que implique ensinar e aprender de outra maneira”, de aí que deseñara unha xornada cun enfoque máis práctico que teórico “con profesionais de primeiro nivel que explicarán como se usan aplicacións dixitais de forma correcta e no día a día”. Con máis de 60 inscritos e con poucas prazas xa dispoñibles, ao encontro non soamente acudirán estudantes, senón tamén empresarios, autónomos, titulados en paro… “un síntoma de que a Universidade está vinculada ao mundo real”, engadiu Suárez.

Tres eixes de debate

O encontro comezará abordando a adecuación da prensa escrita a esta nova contorna dixital. Jennifer Preston explicará na conferencia inaugural como liderou a transición do New York Times ao social media. Esta intervención complementarase cunha mesa redonda composta por responsables de xornais galegos como Bieito Rubido, director do ABC, Lois Blanco, director xeral de La Voz de Galicia, Lois Caeiro, director de El Progreso e Caetano Díaz, subdirector de El Correo Gallego, que afondarán na forma de levar a cabo este proceso de dixitalización nos seus medios. O programa complétase con dúas conferencias e dous obradoiros sobre educación 2.0, impartidos por Dolors Reig e Asier Gallastegui, sobre este novo modo de ensino.

Para tratar máis polo miúdo as vantaxes dos social media en diversos sectores profesionais, no segundo día desenvolverase outra mesa redonda protagonizada por expertos do mundo 2.0, entre os que se encontran os profesores da Universidade José Carlos López Ardao e Daniel Martí e blogueros e tuiteros de renome como son Manuel Gago, responsable da web do Consello de Cultura, Jesús López Cortiñas,  responsable de marketing online do grupo Femxa, Lontzo Sainz, responsable de networking en EITB.com e Javier Pedreira, cofundador de Microsiervos, que compartirán cos asistentes as súas experiencias e proxectos nas redes sociais.