DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En Vigo beneficiaranse 37 investigadores Ramón y Cajal e Parga Pondal

Educación destina 19 millóns de euros a consolidar persoal investigador das tres universidades galegas e mellorar as súas infraestruturas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 10/12/2008
As tres universidades galegas incorporarán aos seus equipos uns 130 investigadores, cando finalicen os seus contratos Ramón y Cajal e Parga Pondal, segundo anunciou a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, na presentación de tres convenios de colaboración que o seu departamento suscribe coas tres universidades galegas. Dotados cuns 19 millóns de euros estes acordos van dirixidos a incentivar a incorporación de novos investigadores e a dar un novo pulo ás infraestruturas científico-tecnolóxicas.
No caso da Universidade de Vigo poderán beneficiarse 37 investigadores con contrato Ramón y Cajal ou Parga Pondal, aos que se suman outros 22 como persoal docente investigador, que xa están estabilizados segundo concretou a conselleira.
No encontro participou tamén o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, Rogelio Conde Pumpido, que puntualizou que estes 130 investigadores “están en condicións de ser estabilizados e son candidatos, en función das necesidades das universidades”. “O programa está funcionado porque o número de persoas que se incorporan é sostido no tempo”, resaltou tamén a titular de Educación.
Neste senso, explicouse que a idade media dun investigador Ramón y Cajal sitúase entre os 38 e os 40 anos, presentan un nivel competitivo e desenvolven “unha actividade pos-doc moi elevada e cuantiosa no tempo” e, tras cinco anos, entran como profesor-doutor nas universidades ou antes coma profesor titular.
Con respecto aos salarios deste tipo de investigadores indicouse que no caso dun Parga Pondal supera os 30.000 euros e un Ramón y Cajal os 40.000, pois “as condicións salariais melloraron moito” segundo apuntou a conselleira.

Contratos para incentivar a investigación

Co obxectivo de promover a intensificación da función investigadora, a conselleira destacou a inversión de 1.450.00 euros nun contrato programa entre Educación e as tres universidades para o recoñecemento da actividade investigadora nos plans de organización docente, polo que a Universidade de Vigo recibirá 395.352 euros.
Con este programa contribuirase, entre outros aspectos, á incorporación do persoal de posdoutoramento para “corrixir a precariedade” dunha parte do persoal investigador e favorecer a renovación xeracional coa incorporación de novos investigadores.
A distribución dos fondos ás tres universidades atenderá a criterios de experiencia e calidade científica e a obxectivos estratéxicos. Ademais terase tamén en conta a capacidade de cada universidade para incorporar novo persoal docente investigador ou doutores con perfil investigador.
O obxectivo do programa é que Galicia “atraia aos mellores” nas áreas nas que a comunidade “é boa e competitiva”. Neste senso, apuntaron a física, matemáticas, química orgánica, investigación mariña e filoloxía e literatura, como algunhas das áreas máis punteiras en investigación científica.

Completarase a 2ª fase da ECIMAT

No referido ao investimento en infraestruturas a conselleira subliñou a renovación de equipamento ou a adquisición de equipos máis competitivos. Como exemplo en Vigo citou a segunda fase da Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat.
A investigación nas universidades do SUG, segundo os datos da consellería, contaron este ano cun investimento de preto de 70 millóns de euros, Deles 19 correspóndense cos tres contratos programas suscritos este mércores –dos que Vigo recibe 4,7 millóns- aos que se suman 27 millóns de financiamento directo e a contribución do plan de financiamento universitario.
Segundo subliñaron, os case 70 millóns que aumentarán en 2009, segundo as previsións, supoñen un 50 por cento máis ca en 2007 e un incremento superior ao 250 por cento se o comparamos co ano 2005.