DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No congreso 'O reto de adaptar a educación ao século XXI'

A educación do futuro comeza a xerminar da man de docentes e profesionais do sector

As xornadas, dirixidas polo profesor e presidente de AGPTU, Pedro Pablo Gallego, inauguráronse este

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Jessica Fdez. DUVI 09/07/2012
O congreso O reto de adaptar a educación ao século XXI botou a andar este luns co obxectivo de converterse nun punto de encontro para que o intercambio de puntos de vista entre profesionais da educación permita seguir encamiñando o mundo educativo cara a excelencia. Nun contexto nada favorable, Carmen Guaite, vicepresidenta nacional da Asociación Nacional de Profesionais da Ensinanza, ANPE, iniciou os relatorios reclamando o importante papel dos docentes como profesión fundamental para acadar o cambio social, a superación da crise e a configuración do futuro. Para Guaite, o principal problema "co que nos atopamos ao falar de educación é que por primeira vez na historia da humanidade, os profesores temos que explicar para que servimos, cando somos nós os que preparamos a sociedade que está por vir, cando somos o laboratorio onde xermina o futuro”.

Nunha conxuntura nada favorable na que, como indica Guaite, “a profesión de docente está sendo desprezada”, as palabras clave nesta xornada están a ser futuro, crise e educación. A pesar de que como indica José Montaña, catedrático de Lingua Española e Literatura, “a situación non é nada esperanzadora porque se están levando a cabo recortes nada favorables nas partidas de investigación e desenvolvemento”, os participantes no congreso mostrábanse con confianza nun futuro mellor centrado na mellora da educación xa que, como puntualizaba o presidente do comité organizado do encontro e presidente da AGPTU, Asociación Xeral de Profesores Titulares de Universidade, Pedro Pablo Gallego, “o 90% do PIB mundial corresponde coa economía do coñecemento”.

Á inauguración das xornadas tamén asistiu Raquel Díaz, concelleira de Educación do Concello de Vigo, e Guillermo Brea, director da Obra Social de Novacaixagalicia, que amosou o seu apoio ás iniciativas pedagóxicas, recordando que “ no século XIX levouse a cabo un cambio radical, modificando as aulas, democratizando a educación e facendo avanzar aos pobos” e malia que pasaron máis de cen anos destes cambios, “toda decisión que se tome neste contexto vai a condicionar o futuro dos nosos mozos e mozas e, en definitiva, o futuro de todos”, puntualiza.

A adaptación ás novas tecnoloxías, unha clave para o éxito docente

Utilizar as vantaxes que ofrece Internet coma ferramenta para aproximar contidos educativos ao alumnado estase a converter nun hábito por parte de moitos docentes. Para Juan Medina, profesor de Matemáticas na Universidade Politécnica de Cartaxena, o uso de plataformas e páxinas web que permiten subir vídeos con contido didáctico é toda unha vantaxe “porque permite que o alumnado aprenda o temario previamente e, deste xeito, podemos empregar as clases para resolver dúbidas”. Con este método, a educación faise moito máis participativa facilitando a comprensión dos contidos “facendo que o alumnado sexa moito máis autónomo e favorecendo o desenvolvemento da súa capacidade para criticar, comprender e interpretar en calquera situación”, conclúe Medina.

Máis de 100 participantes

Con máis de 100 participantes entre público, poñentes e moderadores, o congreso “roza o éxito rotundo xa que reúne a profesionais de diferentes niveis educativos co fin de establecer cara onde ten que tirar a educación nestes momentos” indica Pedro Pablo Gallego. As sesións continuarán ao longo da xornada do martes con temas coma a xestión da aprendizaxe, o peso de internet e o uso dos dispositivos móbiles coma vías alternativas ás clases presenciais, entre outros temas.

Para Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade e que tamén asistiu a inauguración, “temos ante nós un ambicioso programa que fai que esperemos grandes conclusións para realizar cambios sólidos que fortalezan a educación e o futuro de todos asegurando a extensión da universidade ao resto da sociedade”.