DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o vindeiro ano 2010

Educación investirá 35 millóns de euros no Programa de consolidación e estruturación das unidades de investigación competitivas

Laura Sánchez Piñón reuniuse cos representantes dos grupos de referencia

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 27/11/2008

Despois de tres anos en funcionamento, o Programa de consolidación e estruturación das unidades de investigación competitivas representa unha das ferramentas máis importantes para o desenvolvemento da investigación universitaria e de todo o I+D galego. Ata o ano 2010, a consellería investirá 35 millóns de euros nesta iniciativa, da que forman parte 22 grupos de referencia da Universidade de Vigo e arredor do 30% dos investigadores principais pertencen a esta institución. Para facer unha posta en común con representantes destes grupos, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, comezou en Vigo este xoves unha rolda de reunións informativas polas tres universidades galegas. Segundo explicou a conselleira, “despois de tres anos de funcionamento deste programa xa podemos facer unha avaliación e compartir cos investigadores e xestores as experiencias desenvoltas para deseñar conxuntamente as estratexias de futuro”. Pola súa banda, o director da Área de Política de I+D, Ángel Rodríguez de Lera, salientou a importancia deste tipo de iniciativas que dende as universidades “estase marcando o camiño a seguir no futuro na investigación en Galicia e en España”. Neste mesmo sentido, Sánchez Piñón destacou “o papel das universidades como dinamizadoras da economía e da sociedade”, polo que este Programa de consolidación e estruturación pretende configurar unha serie de redes e unidades e potenciar os grupos de referencia, para que acaden maior presenza internacional e estreiten os seus lazos coas empresas.

Unha aposta de futuro pola excelencia

O Programa de consolidación e estruturación das unidades de investigación competitivas, despois de tres convocatorias, ten financiado 134 grupos en todo o Sistema Universitario de Galicia e no seu marco concedéronse 141 axudas. Deste total, 22 dos grupos financiados corresponden á grupos de referencia da Universidade de Vigo, aos que hai que engadir investigadores modos e redes. Así, o 25% dos grupos de referencia pertencen á Universidade viguesa, ao igual que o 30% dos investigadores mozos e o 30% dos investigadores principais. Destes datos, despréndese que o 40% dos recursos que acada a Universidade de Vigo para investigación e I+D en todos os ámbitos corresponden ao financiamento destes grupos de referencia.
Na xuntanza cos investigadores, tanto a conselleira como o director xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do SUG, Rogelio Conde-Pumpido, afondaron no papel da Universidade de Vigo neste programa. Sánchez Piñón destacou o equilibrio existente na produción científica entre as diferentes áreas de coñecemento “a diferenza doutras universidades” ao tempo que tamén se referiu ao equilibrio na captación de financiamento. Esta diversificación de recursos fai que a investigación universitaria non dependa unicamente de fondos autonómicos e “rompe coa idea de que os grupos de gran potencial científico non eran quen de acadar apoio no campo empresarial”, destacou a conselleira.

Un compromiso de 35 millóns de euros

As axudas deste programa estaban dirixidas a tres ámbitos: os grupos de referencia, as redes de investigación e os investigadores mozos aos que, neste ano 2008, se engadiu un nova liña de traballo dirixida ás propias universidades como xermolo de centros ou institutos de investigación. Ata o de agora dende a consellería téñense investidos 21 millóns de euros e, segundo o director xeral, “ata o 2010 temos comprometidos 35 millóns”. Conde-Pumpido apostou tamén por un maior rendemento institucional e animou ao grupos a contribuír ao desenvolvemento das estratexias institucionais e das políticas das universidades e a tomar parte na creación de plataformas e centros de investigación e transferencia, “iniciativas que se deben ser lideradas polas universidades e se deben nuclear arredor dos grupos”.