DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Vigo acolle por primeira vez unha reunión do Consello Galego de Universidades

Educación presenta aos reitores a futura Lei do Sistema Universitario

O conselleiro gabou “o traballo incansable” de José María Barja, responsable da UDC, no que foi o se

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 12/12/2011

A presentación oficial das bases coas que se elaborará a futura Lei do Sistema Universitario de Galicia. Ese era un dos puntos claves do pleno do Consello Galego de Universidades, que por primeira vez se celebrou no campus de Vigo, unha reunión “de trámite” na que ademais se presentou o anteproxecto de decreto para regular a asignación de representantes sindicais nos consellos sociais e na que se ratificou a Pablo Ramil como representante no Consello Científico, órgano asesor do Comité Español do Programa MaB da Unesco. Xa cun primeiro borrador do decreto de titulacións e da futura normativa sobre a mesa, este pleno serviu para buscar “a colaboración de todos para dotar ao sistema universitario dun marco normativo que o conduza aos máximos niveis de eficiencia e excelencia nacional e internacional”, asegurou Jesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Xa nunha reunión o pasado mes de novembro coas vicerreitorías responsables das titulacións a consellería facilitou un esquema básico do que será o documento que rexirá a educación superior.

Racionalización da oferta e mobilidade, as palabras clave

Aprobado en Consello da Xunta o pasado 2 de decembro, esta primeira versión do documento que regula as ensinanzas universitarias de Galicia xa inclúe algúns cambios tras as suxerencias presentadas tanto polo Consello Consultivo como por PP e PSOE no Parlamento de Galicia. A racionalización da oferta de acordo coa demanda, o fomento da cooperación e a mobilidade interuniversitaria, a mellora das estruturas administrativas e de gobernanza interna e incrementar a conexión entre a universidade e o tecido social e produtivo serán os eixos sobre os que pivote esta nova lei que pretende pór en marcha “un modelo flexible que se adapte ás transformacións que está a vivir a sociedade galega en xeral e o ensino universitario en particular, sobre todo pola implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. Queremos acadar o maior consenso posible para obter unha lei moderna, avanzada, que dea o impulso cara a esa excelencia que tanto procuramos”, subliñou Vázquez.

Para o conselleiro, a normativa existente “adoece dunha marcada dispersión”, polo que se buscará unha unificación que lle dea pulo tanto ás ensinanzas superiores como á labor investigadora. Por iso, tamén se traballará para reducir o abandono do estudantado, reforzar a función científica das Universidades, fomentar a internacionalización, promover a igualdade de acceso e fixar os recursos precisos para converxer coas medidas estatais e europeas de gasto público en ensino superior en porcentaxes de Produto Interior Bruto. “A lei é un marco fundamental para conciliar un marco regulador que nos permita promover a cooperación intelixente, harmonizar as capacidades das tres universidades, facernos máis internacionais e competitivos e marcar unhas directrices que nos permitan mellorar a eficiencia do sistema de gobernanza. Hai elementos fundamentais que se poden poñer en valor, como crear un macro consorcio das tres universidades no que entren todas as accións que desenvolvemos de forma conxunta”, destacou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo.

Ata o 31 de xaneiro os membros do Consello Galego de Universidades poidan analizar as propostas postas enriba da mesa e acheguen todas as suxestións que estimen oportunas. “Ese novo guión contará coas sensibilidades, visións e achegas de todos os protagonistas e, unha vez determinado, poderemos traballar nel con ilusión e con ganas para acadar un sistema universitario único, equilibrado e forte”, salientou Mato.

Despedida de José María Barja

O conselleiro de Educación aproveitou o pleno para ter unhas palabras de “especial agarimo” para José María Barja na que foi a súa última reunión como reitor da Universidade da Coruña, posto que deixará en breve despois de dúas lexislaturas. “É de agradecer o comportamento e a actitude dialogante que mantivo no Sistema Universitario de Galicia, no que leva traballando de xeito incansable nos últimos 8 anos, tanto dende a súa universidade como dende o seo deste Consello. Grazas polo teu esforzo e moi boa sorte nesta nova etapa”, gabou Jesús Vázquez ao comezo da xuntanza.