DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo Carme Adán na inauguración do curso "Medidas de protección integral contra a violencia de xé

A educación preséntase como "a receita máxica" para erradicar a violencia machista

As xornadas, que rematan o día 25, pretenden sensibilizar á sociedade e buscar solucións

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 19/11/2008

Nos últimos anos producíronse reformas lexislativas importantes en materia de loita contra a violencia de xénero, incidindo en áreas tan dispares como a xurídica, a social ou a educativa. O curso Medidas de protección integral contra a violencia de xénero: perspectiva psicolóxica, xurídica e socieducativa pretende afondar na problemática dunha realidade que a Organización das Nacións Unidas (ONU) considera como o crime encuberto máis numeroso do mundo. No que vai de ano, son 84 as mulleres asasinadas vítimas dos malos tratos.
A solución deste problema comeza nas aulas, “a receita máxica para erradicar a violencia de xénero é unha educación diferente, unha educación igualitaria”, declarou Carme Adán, secretaria xeral da Igualdade, durante a inauguración das xornadas que se alongarán ata o vindeiro día 25. Pola súa parte Juan Francisco Gálvez, vicerreitor do Campus de Ourense amosou o seu acordo coa secretaria neste aspecto, xa que “na Universidade non só hai que educar en coñecementos, senón tamén en valores”.
Adán, que fixo un repaso ás accións que se están a tomar neste ámbito desde a Xunta de Galicia, afirmou que “estaremos moi atentos ás conclusións que se extraian destas xornadas para o futuro”.
Marta Arribas, concelleira de Igualdade destacou a relevancia deste tipo de xornadas, “xa que é necesario concienciar á sociedade sobre a violencia de xénero e as súas implicacions”. Arribas aproveitou a ocasión par afacer fincapé na importancia de “coordinar esforzos e recursos entre a Universidade e o Concello”, e adiantou que esta interacción vaise materializar no caso da igualdade de oportunidades “na sinatura dun convenio de colaboración entre a Concellería de Igualdade e a Área de Igualdade da Universidade de Vigo”.

Tres perspectivas do mesmo problema

Estas xornadas pretenden abordar de xeito plural a problemática dos malos tratos. Así pois, por un lado trataranse os aspectos psicolóxicos que se desprazan desde o análise da sintomatoloxía das vítimas de violencia de xénero, a súa intervención e as implicacións destes síntomas á hora de afrontar os procesos xudiciais, así como aqueles aspectos relativos á personalidade do agresor e a forma na que expresa e materializa as súas condutas violentas. Desde esta perspectiva, explicou María Lameiras, unhas das coordinadoras do curso, “contarase con aportacións de persoas que traballan neste eido”. Lameiras subliñou a participación de María Elena De Jesús, directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Concellería de Igualdade, nunha mesa na que se falará da intervención integral coas vítimas de violencia de xénero. Tamén destacou a conferencia de Miguel Clemente que abordará o fenómeno dos malos tratos “a través da socialización que están a desenvolver os medios de comunicación”, concluíu Lameiras. Por outra parte, tamén haberá un taller práctico no que se tratarán as distintas estratexias básicas de intervención coas vítimas.
Desde unha perspectiva xurídica abordarase a tutela procesal e penal das vítimas “non só de xeito teórico, senón tamén práctico a través de representantes da fiscalía, da xudicatura e de persoas do mundo da avogacía que día a día se enfrontan a esta realidade”, aclarou Inés Iglesias, decana da Facultade de Dereito e coordinadora das xornadas.
Cun carácter máis teórico, trataranse aqueles aspectos sanitarios e socioeducativos nos que se enmarcan os malos tratos. Neste senso, María Elena De Jesús, coordinadora do curso e directora do CIM, subliñou “a participación de Lola Ferreiro e Felisa Balboa, que explicarán A qué nos referimos cando falamos da violencia de xénero? e como se pasa Das casas de acollida ao acollemento de mulleres”.

Máis información