DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Educación sexual, e-learnig e titorías, protagonistas do segundo número da Revista de Formación e Innovación Educativa

Editada pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa

Etiquetas
  • Vigo
DUVI DUVI 28/07/2008

Continuando co seu labor de dar a coñecer as novidades e investigacións realizadas en relación co ensino universitario, xa está dispoñible na dirección http://webs.uvigo.es/refiedu/, unha nova edición de REFIEDU, a revista dixital editada pola Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa.
Destinada ao profesorado, REFIEDU é unha publicación trimestral que persigue “por unha banda, dar a coñecer as actividades innovadoras que están facendo outros profesores, e, por outra, axudar a súa difusión”, comenta o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa e editor da revista, Pedro Membiela, “dous obxectivos fundamentais para contribuír á mellora educativa, á vez que complementarios".

Contidos da segunda edición

Cunha maior variedade temática, este segundo número contén un total de cinco artigos onde as profesoras María Lameiras Fernández e María Victoria Carrera Fernández reflexionan sobre o modelo de educación sexual actual. Pola súa banda, a docente Mª Carmen Ricoy Lorenzo revisa as iniciativas das titorías no ensino universitario e a súa compañeira Mª Victoria Fernández Carballo-Calero amosa, á comunidade universitaria, un novo modelo educativo baseado no emprego de internet.
Ademais, nesta nova edición de REFIEDU, os lectores poderán afondar da man de Amparo Rodríguez Damián no e-learning, o novo modelo de aprendizaxe interactivo e non presencial baseado no emprego das novas tecnoloxías da información. Finalmente, os profesores Alma Gómez Rodríguez e Pedro Cuesta Morales introducen os fundamentos da Web 2.0 e as súas aplicacións no ámbito educativo.
A revista conta tamén cun apartado no que se publican as novidades e actividades relacionadas coa educación superior e outro que resume as principais publicacións recollidas no Portal de Formación e Innovación Educativa, promovido pola mesma vicerreitoría.

Unha boa acollida

A iniciativa tivo unha boa acollida entre o profesorado, afeito a realizar publicacións noutros ámbitos máis relacionados coas súas investigacións, e estase animando a escribir tamén sobre temas relacionados coa docencia. “O reto agora é o de difundir a revista máis alá da comunidade universitaria, e, conscientes de que isto é unha cuestión de tempo e aproveitando as vantaxes que proporciona o idioma, pretendemos expandila cara a o mundo latinoamericano”, apuntou Membiela.