DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A investigadora Laura Ruiz reivindicou na súa tese de doutoramento o seu potencial

A educación social, un profesión emerxente no ámbito da promoción da saúde

O estudo tamén analizou a evolución da calidade de vida de alumnado universitario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 08/02/2023

Nos últimos anos, explica a investigadora Laura Ruiz, “a saúde pasou a entenderse como un ben necesario no que interveñen factores biolóxicos, psicolóxicos e sociais que precisan dunha abordaxe multidisciplinar na que conflúen profesionais de distintas áreas de intervención, entre os que se atopan as e os educadores sociais”. Neste contexto, na súa tese de doutoramento abordou “a educación social como profesión emerxente no ámbito da promoción da saúde”.

A tese, que estivo dirixida polos profesores José María Faílde e Miguel Ángel Simón, foi elaborada no marco do grupo de investigación Saúde, Sexualidade e Xénero da Universidade de Vigo e do Programa de Doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. O seu obxectivo, comenta a súa autora, foi “pór en evidencia que a educación social é unha disciplina que está chamada a desempeñar un importante papel no ámbito da promoción da saúde”. Para acadalo, analizou o estado actual de implantación da educación social no ámbito da saúde; avaliou os cambios na calidade de vida e determinados comportamentos relacionados coa saúde en alumnado do campus de Ourense que participou no programa de promoción da saúde Campus Auga ConVida, e comparou diferentes parámetros de saúde en estudantes universitarios fisicamente activos e inactivos.

Presente e potencialidades

No seu traballo, Laura Ruiz aborda o estado actual de implantación da educación social no ámbito da saúde mediante a combinación de distintos procedementos metodolóxicos, desde a análise dos plans de estudo dos seus títulos de grao ata a consulta á rede de colexios profesionais e ás principais organizacións non gobernamentais que operan no sector. “Os resultados indican que a presenza da educación social no ámbito da saúde é aínda escasa respecto das súas potencialidades”, advirte. Entre os factores que facilitan a participación das e dos educadores sociais no ámbito da saúde enumera a implementación do título universitario e equiparación de licenciaturas e diplomaturas a un mesmo nivel formativo; a formación teórico-práctica que lles capacita para desenvolver con éxito a acción socioeducativa; a tendencia á interdisciplinaridade á hora de abordar a saúde; experiencias realizadas con bos resultados no campo da saúde e “o carácter renovador, flexible e inconformista deste perfil profesional”.

Pola contra, engade a educadora social formada na UVigo, “algunhas das dificultades que limitan o seu acceso son: a falta de hábito investigador e, polo tanto, a escaseza de publicacións de impacto respecto do seu desempeño profesional; a xuventude da profesión e descoñecemento por parte da sociedade, o que implica un escaso recoñecemento; a falta de delimitación de funcións e ámbitos de actuación; a carencia de instrumentos e ferramentas de avaliación e validación propias e o déficit de formación no seu currículo académico”. As áreas da saúde nas que interveñen actualmente as e os educadores sociais, detalla Ruiz Soriano, son: persoas maiores, diversidade funcional, condutas aditivas, educación para a saúde, saúde mental e dispositivos de atención sanitaria, apuntando como a inclusión da educación social no ámbito da saúde “é desigual en función da comunidade autónoma na que nos atopemos”. Ademais, engade, “a análise dos plans de estudo dos títulos de grao en Educación Social das universidades españolas constata que non se lle outorga a importancia que merece. Unicamente contémplase algunha materia estreitamente relacionada coa saúde no 50%, sendo, na maioría dos casos, de carácter optativo”.

Dous exemplos de aplicación

Levando ao terreo o papel das e dos educadores sociais no ámbito da saúde, a tese recolle dous traballos desenvolvidos pola propia investigadora. O primeiro analiza a evolución da calidade de vida e comportamentos relacionados coa saúde en estudantes, cunha mostra formada por 344 alumnos e alumnas do campus de Ourense que participaron durante catro anos no programa de promoción da saúde Campus Auga ConVida. Entre os resultados destaca que nas e nos participantes “achamos diminucións significativas no que incumbe á dependencia cara ao alcol e o tabaco e incrementos significativos dos niveis de actividade física”, sinala, e que se mantén a súa adherencia á dieta mediterránea. En canto á conduta sexual, engade, “aínda que se perciben certos aspectos de mellora, constátase a necesidade de incrementar a concienciación respecto ao uso sistemático do preservativo”. En conclusión, afirma a xa doutora pola UVigo, “este programa de promoción da saúde parece ter un efecto positivo sobre os niveis de actividade física e o consumo de substancias psicoactivas dos estudantes” e o estudo realizado “achega información relevante que serve como punto de partida para a monitorización de cambios nos comportamentos de saúde e para o deseño, implementación e avaliación de accións de promoción da saúde dirixidas a alumnado universitario”.

O segundo dos traballos consistiu nunha análise comparativa entre estudantes fisicamente activos e inactivos en relación a determinados parámetros de saúde levada a cabo con 665 estudantes de primeiro curso. “Os resultados obtidos evidenciaron unha prevalencia de inactividade física do 12,78%. Os participantes fisicamente activos mostraron puntuacións significativamente máis elevadas en motivación intrínseca, regulación emocional e en certas dimensións da calidade de vida relacionada coa saúde, así como niveis significativamente máis baixos de masa graxa”, comenta. Ademais, identificou como “predictores confiables do estilo de vida fisicamente inactivo: puntuar baixo en claridade emocional e en regulación identificada e alto en desmotivación”. Estes resultados, subliña a investigadora, “teñen a súa utilidade para o deseño, implementación e avaliación de accións dirixidas á promoción da saúde e a actividade física en mozos universitarios”.

Os resultados da tese, conclúe Laura Ruiz, poñen “de manifesto o potencial que ten a educación social no ámbito da saúde e a información recollida é de grande utilidade para o deseño, implementación e avaliación de programas dirixidos á promoción da saúde, campo no que a educación social, en colaboración con outras profesións, eríxese como unha disciplina promotora de cambios, desenvolvemento e promoción en persoas, grupos e comunidades”.