DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes recibiu a visita da comisión de avaliación designada pola ACSUG

Educación e Traballo Social afronta a renovación da certificación do seu Sistema de Garantía Interna de Calidade

O seu SGIC leva funcionando 15 anos e foi recoñecido en 2017

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Calidade
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 13/06/2023

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense afronta a renovación da certificación da implantación do seu Sistema de Garantía Interna de Calidade (SGIC), dentro do Programa Fides-Audit. No marco deste proceso, este martes o centro recibiu a visita da comisión de avaliación designada pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), órgano responsable de supervisar e controlar os procesos de calidade a nivel universitario galego.

O Sistema de Garantía Interna de Calidade da facultade, indican desde o centro, “leva 15 anos en funcionamento nos que pasou por diferentes etapas”. Nunha primeira (2008-2015), detallan, procedeuse ao deseño do sistema e a súa implantación e nunha segunda (2015-2017) comprobouse o seu axeitado funcionamento e acadouse a consecución de evidencias ao respecto. Finalmente, en 2017 o SGIC da Facultade de Educación e Traballo Social acadou por parte da ACSUG a certificación de implantación, cunha validez de cinco anos e con indicacións de melloras e novos retos.

Pasado ese tempo, a facultade ourensá afronta a renovación desta certificación cun proceso que se desenvolve en dúas fases, unha primeira de revisión documental (evidencias, plans de mellora, páxina web, etc) e unha segunda de visita ao centro da comisión avaliadora, que inclúe reunións cos distintos grupos de interese, e que foi a celebrada este martes no Edificio de Ferro do campus. Concretamente, a comisión (formada por especialistas en certificación de calidade do eido universitario estatal e da empresa e por representantes de alumnado e da ACSUG) foi saudada á súa chegada por Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, e reuniuse con representantes da Área de Calidade da UVigo, con representantes institucionais, co equipo directivo do centro e coa súa Comisión de Garantía Interna de Calidade.

Buscando a mellora constante

“Unha facultade coas dimensións da nosa, que ten nestes momentos once títulos, ten uns procesos de calidade moi esixentes e estamos en mellora continua deles. Afortunadamente temos unha comisión de calidade moi activa e contamos con moitas persoas que sen ser desa comisión están colaborando en xestión de procesos de calidade. Agora o que estamos a comprobar e a demostrar é que o Sistema de Garantía de Calidade funciona ben”, explicaba Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social ourensá. Entre as melloras feitas desde a certificación en 2017, o responsable académico subliñaba que “fixemos un grande esforzo por ter o noso propio plan estratéxico, adaptado á nosa facultade e destinado a aproveitar a nosa potencialidade como un centro especializado en igualdade, diversidade e inclusión”.

“O SGIC trata de velar polo cumprimento dos compromisos que temos establecidos nos diferentes programas formativos e procedementos e servir de sistema de control e identificación de debilidades para unha mellora constante”, engadía Pino Díaz, vicedecana de Calidade da facultade. O seu obxectivo, detallaba, “é velar polo control dos programas académicos que temos deseñados e aprobados” pero, apunta, non só afecta á planificación académica senón que “abarca no seu conxunto ao funcionamento da facultade, desde a administración e servizos ata recursos materiais e transparencia. É un certificado que valida no seu conxunto o funcionamento do centro e que en certa medida aforra esforzos no senso de que non temos que ir acreditando un a un os diferentes títulos”.