DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada este luns no campus

Educación e Traballo Social estreita relacións con alumnado do CIFP Portovello

Medio centenar de estudantes traballaron arredor do fomento da lectura na infancia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Estudantado
  • Visitas
  • Institucional
DUVI Ourense 05/02/2024

Arredor de medio centenar de estudantes do Ciclo Superior de Educación Infantil do CIFP Portovello achegáronse este luns ao campus de Ourense para participar nunha xornada na Facultade de Educación e Traballo Social na que traballaron arredor do fomento da lectura na infancia. A iniciativa dá continuidade á celebrada o pasado curso académico e enmárcase na colaboración exitente entre os dous centros educativos, situados ambos na zona das Lagoas.

Crear hábitos lectores

A actividade, coordinada por Isabel Mociño, profesora e vicedecana da facultade, desenvolveuse en varias quendas na Aula de Recursos de Educación Infantil e Primaria deste centro, un espazo aberto a colaboracións e iniciativas de pequeno formato para fomentar o diálogo e a transferencia entre a Universidade e entidades da contorna. O obxectivo da xornada foi “levar a cabo unha sesión de reflexión conxunta sobre recursos e novas materialidades para o fomento da lectura na educación infantil” e facer “unha aproximación a novas modos de ler e ao que implican hoxe en día”, tendo en conta como está evolucionando o libro e a lectura a tenor, fundamentalmente, da implantación das novas tecnoloxías. A iniciativa buscou, tal e como comentou Isabel Mociño, traballar conxuntamente para avanzar cara “unha lectura que faga lectores na infancia e que asente hábitos lectores para o futuro” tendo en conta a contradición de que “a pesar de que estamos nun momento no que hai máis xente que nunca lendo cada vez hai máis persoas que afirman que non lles gusta ler, vítimas dun sistema no que se asocia a lectura cun exercicio escolar máis”.  

Alén do contido abordado na sesión, que tivo un carácter fundamentalmente práctico e aplicado aproveitando os fondos dispoñibles na aula, a actividade tamén tivo como segundo obxectivo abrir as portas do campus e da Facultade de Educación e Traballo Social ao alumnado do Portovello. Así, desde o centro universitario lembran que cada curso académico hai un fluxo “moi importante” de alumnado dese Ciclo Superior de Educación Infantil que continúa estudos no Grao de Educación Infantil do campus. A participación en xornadas como as celebradas este luns, apuntou por último Isabel Mociño, permite ao estudantado participante achegarse a enfoques, metodoloxías e espazos de traballo deste grao e ter un coñecemento máis achegado do que lles pode ofrecer para a súa formación futura.