DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores organizou unha xornada do proxecto Erasmus+ ‘My e-story’

Educación e Traballo Social estreita as súas relacións con centros educativos de Turquía, Portugal e Letonia

A facultade tamén acolle esta semana a estadía de profesorado do Instituto Politécnico de Leiria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Internacional
  • Institucional
DUVI Ourense 27/04/2022

Tras a pandemia, a internacionalización do campus de Ourense volve progresivamente a materializarse en accións presenciais. Se o luns arrancou na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo a súa International Week, na que participa alumnado ourensán e alemán e profesorado de once países, este mércores tocoulle a quenda á Facultade de Educación e Traballo Social. O centro organizou unha xornada do proxecto Erasmus+ My e-story na que participou un grupo de 40 persoas, profesorado e escolares procedentes de centros educativos de Turquía, Portugal e Letonia. Ademais, tamén esta semana, acolle a estadía de profesorado do Instituto Politécnico de Leiria (Portugal).

Esta actividade no campus enmárcase dentro da visita a Ourense das e dos participantes en My e-story, que desde o 24 e ata o 30 de abril, están a realizar unha estadía formativa e cultural organizada polos coordinadores do proxecto, o Colexio Miraflores Ourense. Nesta visita participan, ademais de alumnado de cuarto da ESO e primeiro de Bacharelato e profesorado do centro ourensán, un grupo de 18 estudantes e profesorado de Turquía (do Sehit Abdullah Aydın Emer Anadolu Lisesi e Tarsus Sehit Halil Ozdemir Fen Lisesi), seis de Portugal (Escola Secundária Dr. Joaquim Gomes Ferreira Alves) e outros seis de Letonia (Balvu Profesionala un Visparizglotijosa Vidusskola). My e-story é un proxecto que ten como finalidade intercambiar coñecementos e desenvolver competencias na área do storytelling dixital para mellorar as prácticas docentes e potenciar a aprendizaxe do alumnado.

Facendo Europa

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, deulle a benvida ás e aos participantes amosándolle o seu desexo de que tivesen unha xornada moi positiva no campus e felicitándoos por participar nesta iniciativa. O reitor amosou a súa convicción de que “eu creo que necesitamos máis Europa para ser máis fortes” e como proxectos como My e-story son moi positivo neste senso xa que combinan a aprendizaxe e a convivencia entre alumnado e profesorado de diferentes países. Igualmente, María Díez, directora do Colexio Miraflores Ourense, agradeceu esta benvida ao proxecto e que se “lle abran as portas a unha institución da calidade educativa como é a nosa universidade”. O proxecto My e-story, indicou neste senso, busca precisamente “abrir portas para as nosas comunidades educativas”.

Pola súa banda, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, subliñou, en referencia ás diferentes linguas e culturas presentes no acto, que “o profesorado e a xuventude somos os piares sobre os que se debe construír unha Europa respectuosa coa diversidade lingüística e cultural”. Sobre esa diversidade, apuntou, “debemos construír un futuro, de xustiza, paz e cooperación, no que o dialogo, os acordos, a cooperación teñan mais protagonismo que as liortas, as armas e a destrución de vidas humanas e de recursos naturais. Nas facultades de educación faremos todos os esforzos e movilizaremos todos os recursos para construír esta Europa e este planeta no que cabemos todos".

Guiados pola profesora Isabel Mociño, vicedecana de Cultura da facultade de acollida, e co apio de alumnado de grao do centro que está a cursar a mención de Inglés, as e os escolares e o profesorado asistente participaron nun intenso programa que os levou a coñecer o campus a través de xogos colaborativos e tradicionais e tamén a Escola de Gaitas de Ourense, onde puideron achegarse á música tradicional galega.

Estadía de profesorado luso

Entre as persoas que asistiron a esta benvida estaban tamén as e o profesor luso José Vicente, Cezarina Maurício e Liliete Matias, que procedentes da Escola Superior Educação e Ciências Sociais, do Instituto Politécnico de Leiria, en Portugal, están esta semana no campus de Ourense no marco das accións Erasmus de intercambio de profesorado. “Eles ao igual que nós imparten estudos de Educación Social e Traballo Social e coa súa escola temos unha relación histórica. Os intercambios de alumnado son bastante fluídos, case todos os anos temos alumnado noso alá e deles aquí e mesmo temos feito alí algún congreso de Educación para a Paz”, explicou Xosé Manuel Cid. Intentando darlle pulo tamén ás relacións entre profesorado, indicou, prodúcese agora esta estadía docente, “buscando xa facer algún outro tipo de proxectos, como colaborar en estadías de investigación, dirección de teses, etc”.

Ao longo desta semana o profesorado portugués, que acode por primeira vez ao campus de Ourense, participa na docencia dalgunhas materias, mantén reunións con persoal docente e investigador e únese a diferentes actividades que acolle o centro estes días, como a celebrada este mércores. “É importante establecer estas ligazóns e comunicación entre diferentes escolas que traballamos as mesmas cuestións, neste caso as sociais, que son fundamentais”, salientou José Vicente. A idea deste tipo de iniciativas, engadiu o docente, “é traballar en conxunto e compartir estas prácticas e estes contextos profesionais da docencia porque así aprendemos todos”. A estas palabras, Cezarina Maurício engadiu como “para o profesorado tamén é importante saír fóra e estar en contacto con outras universidades e colegas de outros países”, facendo fincapé no interese de coñecer novas estratexias docentes, outros contidos e fomentar a investigación no eido social.