DUVI

Diario da Universidade de Vigo

52 estudantes da Escola de Enfermaría impartiron 12 relatorios ao alumnado do IES A Xunqueira I

Educando na idea de que previr é mellor que curar

O coordinador deste ciclo de coloquios, o profesor José Rosales, anuncia unha nova edición para o vi

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI 09/06/2014

Previr é mellor que curar. Esa é a idea sobre a que se vertebra o ciclo de educación para a saúde que ao longo dos últimos meses levou a 52 alumnos e alumnas da Escola Universitaria de Enfermería a trasladarlle ao estudantado do IES A Xunqueira I unha serie de nocións sobre drogadiccións, tabaquismo ou enfermidades infecciosas. Como parte da súa formación na materia Enfermaría Comunitaria II, que imparte o profesor José Rosales, o alumnado deste centro adscrito á Universidade desenvolveu neste instituto un total de 12 coloquios sobre múltiples temáticas, sempre coa idea de que proporcionar unha información adecuada pode axudar a cambiar hábitos.

Non hai mellor mostra do interese que esperta unha iniciativa que neste 2014 se desenvolveu por segunda vez, que ver como os propios alumnos e alumnas que asistiron a eles propoñen novas temáticas para unha terceira edición. Precisamente iso é o que vén de facer o estudantado do IES A Xunqueira I, despois de que Rosales acudise ao centro “a agradecer a colaboración do profesorado do centro e a comezar a traballar xa no ciclo do ano que vén”. Como peche a unha actividade que se desenvolveu ao longo do segundo cuadrimestre, Rosales entregou ao alumnado un cuestionario que lle permitiu coñecer o seu “alto grao de satisfacción coa iniciativa” e tamén recompilar unha serie de propostas coas que ampliar as temáticas a abordar no futuro. “A petición dos alumnos, este curso xa incluímos o cancro entre os temas das xornadas e co cuestionario puidemos saber que os estudantes están moi interesados en coñecer algo máis das enfermidades mentais”, explica este profesor, que recoñece que a actividade está a ser todo un éxito. Por iso, está garantida xa unha terceira edición deste ciclo para o vindeiro curso académico. “A nosa idea sería poder amplialo a máis institutos, pero é difícil de compaxinar co ritmo das clases”, admite.

Informando nunha linguaxe accesible

Nunha primeira fase, os 52 alumnos e alumnas que cursaron Enfermaría Comunitaria II tiñan que desenvolver en grupos de seis persoas unha serie de presentacións sobre varios dos temas incluídos no temario dunha materia “moi relacionada coa prevención das enfermidades e a promoción da saúde”, como relata Rosales. A partires de aí, os estudantes realizaron unha primeira presentación do seu traballo ante os seus compañeiros e compañeiras, para posteriormente trasladarlla ao alumnado do IES Xunqueira, en coordinación co profesorado do instituto, de tal xeito “que se poidan compaxinar os temas que impartimos na materia cos que os propios alumnos teñen que coñecer nas súas clases”, apunta o coordinador deste ciclo.

Tabaquismo, drogadiccións, infeccións alimentarias, hepatite, vacinas ou enfermidades de transmisión sexual foron algunhas das temáticas abordadas neste ciclo. Todas elas, enfocadas dun xeito que espertase o interese do estudantado de Bacharelato, xa que a idea era que estas charlas lles servisen “para adquirir unha serie de conceptos que axuden a previr enfermidades e que logo mesmo poden trasladar aos seus familiares”, salienta Rosales, que subliña que a educación para a saúde “está a cobrar cada vez unha maior importancia como área de traballo pedagóxico na educación regulada e na educación social”. Por iso, con esta iniciativa trátase de que o alumnado de Enfermaría “pase de ser un axente meramente pasivo a un activo, ao tempo que se consegue tamén que a Universidade se abra á sociedade”.

A idea é pois promover entre a mocidade uns hábitos máis saudables e para iso é fundamental que a mensaxe chegue ata eles dunha forma comprensible. Iso supón un reto engadido para o alumnado responsable destas charlas, como recoñece Gloria Blanco, unha das estudantes participantes neste ciclo. “A verdade é que foi unha experiencia moi positiva e moi valiosa para nós á hora de adquirir destrezas para tratar coa xente”, apunta esta alumna, que salienta a importancia que terá no seu futuro profesional “ser capaces de comunicar as cousas que estudamos dunha forma accesible para toda a cidadanía”. Iso implica, por exemplo, deixar de lado “certo vocabulario médico que a xente non ten porque coñecer”, e levar a explicación a unha “linguaxe máis cotiá”. Así o fixeron nas aulas do IES Xunqueira I e conseguiron “que o alumnado se amosase moi interesado”, segundo relata esta alumna, que recoñece que os estudantes mostráronse “moi atentos e participativos e realizaron moitas preguntas, o que che permite tamén aclarar unha serie de falsos mitos que existen sobre algunhas enfermidades”.