DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun convenio de colaboración asinado no mes de maio con varios organismos de A Estrada

A EE Forestal achega a súa experiencia á Feira do Moble de Galicia

Ademais de participar nas xornadas técnicas, o centro dispón dun espazo para dar a coñecer a súa tit

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 07/09/2012

Este sábado bota a andar en A Estrada unha nova edición da Feira do Moble de Galicia pola que pasarán os principais representantes do sector durante os noves días que manterá abertas as súas portas. Para esta ocasión, a feira conta cun novo aliado estratéxico, a Universidade de Vigo abandeirada pola Escola de Enxeñaría Forestal, que ademais de achegar a súa experiencia e ofrecer asesoramento aos profesionais da madeira a través das xornadas técnicas programadas, tamén disporá dun espazo na feira para dar a coñecer a oferta académica e o seu potencial investigador. Esta colaboración nace ao abeiro dun convenio que o reitor da Universidade, Salustiano Mato, asinou no mes de maio en A Estrada con varias entidades do sector forestal da comarca.

“É a primeira vez que a escola participa neste evento referente para un subsector importante da industria da madeira local e polo tanto facilítanos o contacto co mercado mobiliario e coas tendencias máis actuais de fabricación”, explica o profesor Juan Picos, impulsor desta colaboración coa feira. Dende a dirección do centro defenden que este tipo de sinerxías fan realidade a “cooperación intelixente” entre institucións, empresas e administracións “converténdonos nunha fábrica de ideas que facilita solucións e conseguindo, por tanto, unha verdadeira transferencia de coñecemento á sociedade”. Así mesmo, o profesor Picos non se esquece dos beneficios que esta colaboración lle achega ao alumnado, xa que a industria do moble “é un campo de grande interese e potencialidade para a súa formación”.

Concienciación sobre a certificación forestal

A Escola de Enxeñaría Forestal será a encargada de inaugurar as xornadas técnicas organizadas no marco da feira. Comezarán o luns 10 de setembro da man do propio Juan Picos que afondará na importancia de dotar á madeira dun certificado oficial que garanta ao mercado que o produto foi xestionado de xeito sustentable. “Estamos ante un tema de especial relevancia para este subsector pois se es quen de demostrar a orixe da madeira, haberá máis posiblidades de manter determinados nichos de mercado”, subliña o profesor que tamén disertará sobre o concepto de comercio xusto, “de interese para todos os públicos xa que implica tanto a produtores como a consumidores en xeral”.

O programa de xornadas complétase con outros seminarios sobre motivación emprendedora; decoración e arquitectura, busca de emprego, innovación e marketing online, a cargo de membros doutras entidades como o Centro Tecnolóxico da Madeira, Bic-Galicia ou a propia Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. A asistencia aos talleres é gratuíta e aberta a todo o público, así quen desexe asistir, debe inscribirse na páxina web da feira ou no teléfono 986 573 406. Ao remate das xornadas, recibirán un certificado de asistencia.

Un espazo para promocionar a titulación

Por outra banda, a escola disporá dun espazo nos días de exposición para promocionar a súa titulación nunha contorna con gran tradición no sector da madeira. “A Estrada é o maior concello en superficie de Galicia e a súa proximidade a Santiago de Compostela fai que non sempre se coñeza a oferta formativa da Universidade de Vigo nun campus tan próximo para eles como é o de Pontevedra”, apunta o profesor Picos, que irá acompañado á feira de alumnado e de persoal da administración e servizos.

Ademais do espazo expositivo e das xornadas técnicas, os estudantes da escola tamén participarán nunha visita institucional á feira e ás instalacións dalgunha empresa de mobiliario da zona “para amosarlles aos alumnos e alumnas en vivo e en directo os procesos de fabricación”.