DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A escola acolleu a presentación do libro ‘O bosque é a nosa casa’

A EE Forestal afonda nas múltiples conexións do ser humano cos bosques

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 12/12/2023

Dar a coñecer o funcionamento dos bosques cun enfoque científico e ecolóxico, pondo o foco nas súas múltiples conexións co ser humano é o propósito central de O bosque é a nosa casa, un libro divulgativo para público infantil que as enxeñeiras de montes Sara Fernández e Sonia Roig presentaron este martes na Escola de Enxeñaría Forestal. Fixérono acompañadas polo director do centro, Juan Picos, quen participou na tradución ao galego dun libro editado en 2021 en castelán e que posteriormente foi levado tamén a outros catro idiomas. “Este libro é un exemplo perfecto da converxencia dunha finalidade educativa coa ilustración e o deseño para levar uns conceptos moi rigorosos e profundos da disciplina forestal”, sinalou Picos, quen incidiu no interese de promover este tipo de actividades no contexto do proxecto de especialización Campus Crea, “centrado na creatividade e en explorar a interacción entre diferentes disciplinas”. 

Editado en castelán en 2021, a versión orixinal do libro que Fernández e Roig presentaban nesta xornada foi recoñecido o pasado ano co Premio Los Mejores Banco del Libro, na categoría de libros informativos, así como co galardón Montero Burgos e cunha distinción do Instituto de Ingeniería de España. De aí que tanto Fernández como Roig, profesora da Universidad Politécnica de Madrid, afondasen nun proceso de traballo no que buscaron combinar sinxeleza e rigor. A creación dos solos, os efectos dos incendios ou as funcións ecosistemas das masas forestais son algunhas das cuestións abordadas nun libro que buscaba distanciarse doutras publicacións previas que, como explicou Fernández, propuñan “unha visión sobre os bosques desde fóra”, para pór neste caso o foco nas súas conexións co ser humano. “A perspectiva do libro é que nos deamos conta de que somos bosquedependentes”, subliñou.

Visita ao Instituto de Estudos do Territorio

Alén desta presentación, o alumnado da EE Forestal participou tamén este martes nunha visita ao Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia, que tiña como obxecto que puidesen coñecer tanto as ferramentas coas que conta este organismo no ámbito da enxeñaría cartográfica como os resultados da súa utilización sobre o terreo.