DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas videoxornadas promovidas pola Consellería do Medio Rural

A EE Forestal amosa os primeiros resultados da súa metodoloxía para caracterizar superficies forestais a partir de imaxes por satélite

Enmarcados na realización do Inventario Forestal Continuo de Galicia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 18/03/2022

O desenvolvemento de sistemas capaces de identificar e caracterizar diferentes tipos de plantacións e superficies forestais a partir de imaxes por satélite centraron nos últimos meses o labor dos investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal no marco dos traballos para o realización do primeiro inventario forestal continuo de Galicia. Enmarcado no convenio asinado en 2020 pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e as universidades de Vigo e Santiago de Compostela, este proxecto foi abordado este venres nunha videoxornada promovida por Medio Rural, na que os investigadores Julia Armesto e Juan Picos afondaron na metodoloxía desenvolvida para a detección automática dos usos e mesmo das especies presentes nos millóns de parcelas forestais existentes en Galicia, así como na cartografía desenvolvida. De feito, o evento promovido con motivo da conmemoración, o vindeiro luns, do Día Internacional dos Bosques, permitiu dar a coñecer por primeira vez os mapas cartográficos realizados polos investigadores da escola de cinco concellos, na primeira aplicación dunha metodoloxía que buscan estender ao conxunto de Galicia.

A caracterización de 17 millóns de parcelas

Como explicou neste acto a profesora Julia Armesto, trátase dunha metodoloxía que busca dar respostas ás características do sector forestal galego, “moi fragmentado e con taxas de cambios moi altas”. Nese senso, os traballos nos que tamén participaron as investigadoras e investigadores da escola Laura Alonso, Andrés Rodríguez e Fernando Costas, parten da utilización de dúas fontes, as imaxes do satélite WorldView, e as obtidas polo Sentinel 2, da Axencia Espacial Europea, coas que dan forma a unha cartografía forestal de “moi alta resolución”, no primeiro dos casos, e de media resolución nos segundo. Nesta xornada, Armesto deu conta do procedemento utilizado para desenvolver uns mapas cartográficos que asignan a cada píxel “un uso ou unha especie cando é posible diferenciala”. A súa vez, esta información trasládase a unha “estrutura vectorial”, baseada nun conxunto de “polígonos” que representan preto de 17 millóns de “unidades de xestión”, que engloban os 11 millóns de parcelas catastrais existentes en Galicia xunto cun conxunto de superficies de maiores dimensións, como montes comunais, nos que unha mesma parcela se analiza subdivida por “recintos SIGPAC, subdivisións dentro dunha parcela catastral que teñen ou tiveron un uso homoxéneo, combinados con proxectos de ordenación”, explicou Armesto.

Deste xeito, o propósito desta metodoloxía é ser capaz de identificar, dunha forma automatizada, se o que hai en cada unha destas superficies son masas de coníferas ou frondosas, matos, pastos ou cultivos, unha superficie artificial...; un labor que se puxo a proba con cinco concellos das catro provincias. Trátase, en concreto, de Oia en Pontevedra; Laza en Ourense; Alfoz en Lugo, e Abegondo e Carral na Coruña. “Antes de facelo para toda Galicia queríamos facer unha mostra para ver se hai suxestións ou aspectos que poidan ser mellorados”, sinala Picos, que explica que, con ese propósito, “escollemos áreas forestais diversas en termos de especies, tipo de propiedade e topografía”, das que se elaboraron uns mapas cartográficos que a Consellería fará públicos para a súa consulta nos próximos días.

Unha radiografía dos cambios e da realidade socioeconómica dos montes galegos

Se ben o traballo coas imaxes de alta resolución, con píxeles de preto de 1,5 metros cadrados, permitirá definir mesmo as especies de árbores predominantes nunha parcela en concreto, as imaxes de media resolución, con pixeles de 10 por 10 metros, farán posible tamén “unha análise multitemporal”, sinala Armesto. Apoiándose tamén na cartografía Lidar do Plan Nacional de Ortofotografía Aérea (PNOA), esta análise fará posible que poidan detectarse tamén cortas ou “arborado en rexeneración”, sinala a investigadora.

Na definición deste inventario forestal continúo, esta cartografía combinarase co traballo centrado nos “modelos de estimación de variables forestais”, como o volume de madeira existente, que desenvolven os investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC. Ambas metodoloxías, á súa vez, están dirixidas a que a Xunta poida ir actualizando anualmente diferentes variables, dando así resposta á realidade dunha comunidade marcada polo crecemento e os cambios na vexetación e indo máis aló dos datos que reúne o Inventario Forestal Nacional que, como explica Picos, actualízase cada dez anos.

Mais, ademais de ser continuo, búscase tamén que este sexa “un inventario aumentado”, sinala o tamén director da EE Forestal. Nese senso, o proxecto abrangue tamén o “estudo socioeconómico” que a UVigo desenvolve xunto co Instituto Galego de Estatística (IGE). O seu propósito, explica, non é so definir que pode atoparse nunha determinada parcela, senón analizar tamén cunha determinada mostra unha serie de variables como “de quen son esas parcelas, a idade do propietario, onde reside...”. Así mesmo, o proxecto comprende tamén unha análise dos “coeficientes de aproveitamento” das parcelas, analizando factores como, por exemplo, a existencia de pendentes elevadas que impidan o acceso de maquinaria para realizar as cortas. 

Primeiros resultados

Resultado do convenio asinado en 2020 pola Xunta e as dúas universidades, o desenvolvemento deste inventario conta cun orzamento de 640.000 euros, dos que 574.000 foron achegados pola Consellería do Medio Rural e os 68.000 restantes polas dúas universidades. Cunha duración de tres anos, a finalización deste proxecto está prevista para finais deste 2022 e os primeiros resultados, do prototipo de mapa forestal, do informe sociodemográfico da rede base do inventario e dos solicitantes de aproveitamentos e da rastrexabilidade da actividade forestal centraron este venres a segunda sesión destas videoxornadas, que foron clausuradas polo conselleiro do Medio Rural, José González.