DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mediante o desenvolvemento e estudo dun produto realizado a partires de piñeiro e eucalipto

A EE Forestal avalía o uso da fibra de madeira como illante térmico

O obxectivo do centro é afondar na xeración de novos materiais a base deste recurso

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 07/05/2019

“Criamos que a madeira ía ser o novo carbón e o novo formigón, pero realmente tamén vai ser o novo plástico e o novo algodón”. Deste xeito explica o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, a importancia que este recurso pode ter no ámbito da bioeconomía e no desenvolvemento de novos produtos en áreas como as dos bioplásticos e os biotextiles, máis aló da súa propia aplicación na actualidade na produción de enerxía e na construción. Tratar de afondar nos múltiples campos de aplicación da madeira e das fibras de madeira para a creación de novos produtos constitúe de feito unha “liña estratéxica” para este centro do campus, como amosan exemplos como o produto con capacidade para funcionar como illante térmico e acústico que, a partires do traballo de fin de grao de Esteban Oubiña, desenvolveuse na escola e co que se proxectan realizar novos estudos que permitan confirmar a súa efectividade en relación a outros illantes térmicos empregados no sector da construción, como a lá de rocha.

Realizado a partires de fibras de madeira de piñeiro e eucalipto, “combinadas cunha pequena cantidade dun polímero”, este produto de baixa densidade pero con capacidade illante foi desenvolvido nos propios laboratorios da escola como parte do traballo de Oubiña, para posteriormente constatar a súa capacidade como illante térmico mediante o uso de termofotografía. “Atopamos que é un produto que tería unha aplicabilidade moi boa, ata onde os medimos os parámetros son perfectamente competitivos cos da lá de rocha, que sae fundamentalmente de áridos de subprodutos da explotación mineira, ou cos de produtos plásticos”, explica Picos desta “manta térmica” realizada a partires das pezas doadas polas empresas Finsa e Betanzos HB. “O traballo demostrou que podíamos fabricalo no noso laboratorio, cunha tecnoloxía moi básica, pero isto é escalable a nivel industrial”, engade o director da EE Forestal dun proxecto que agora se continuará coa realización de “probas moito máis estandarizadas”, así como con estudos que permitan constatar a súa capacidade como illante acústico. Do mesmo xeito, o feito de que se trate dun produto biodegradable fai que esta liña de traballo, “que terá como punto de partida os traballos con alumnos”, deba abranguer tamén o estudo de como afectarían os fungos a este material, contando coa implicación das investigadoras e investigadores da escola especializados neste eido para realizar unha serie cultivos neste material co propósito de definir “como se degrada e en que condicións”. De concretar, engade Picos, que posibles aditivos poderían ser necesarios para garantir que esa degradación se produza unha vez o produto está fóra de uso, así como de estudar o seu comportamento cunhas condicións de humidade determinadas.

Unha liña estratéxica para o centro

O desenvolvemento de novos produtos a partires de “procesos ambientalmente sostibles” constitúe, como lembra Picos, unha das tendencias centrais da bioeconomía e tamén, nunha “liña estratéxica” para este centro, que avoga por explorar, a través dos traballos dos investigadores e investigadoras, dos proxectos do alumnado ou das colaboracións con empresas “que é todo o que poderíamos facer” con madeira e con outra serie de produtos derivados da explotación forestal, como a cortiza ou as follas.

“Dentro do concepto de mellora continua da escola e da nosa especialidade de Industrias da madeira, onde xa fixemos cambios na memoria de verificación do grao para introducir determinados contidos", así como nos laboratorios, a través da reconversión do laboratorio de celulosas en laboratorio de transformación química da madeira ou aa creación dun espazo de innovación e desenvolvemento "onde o alumnado poida experimentar con materiais innovadores derivados da madeira”, apunta Picos. Nese senso, o director da EE Forestal incide en que este “traballo con novos materiais” constitúe unha "tendencia moi importante" que proxectan explorar, por unha banda, incentivando ao alumnado a estudar que se pode obter estes recursos pero tamén buscando que esta liña “permita o traballo de diferentes investigadores da escola directamente con empresas”, promovendo un traballo “absolutamente transversal en todos os laboratorios e departamentos”. Non en van, engade, trátase dun “camiño moi amplo”, que abrangue desde o estudo dos compoñentes químicos que poidan extraerse de follas ou cortizas ao desenvolvemento de bioplásticos ou o emprego de fibras de madeira como materia prima no sector téxtil, como xa fan algunhas das principais firmas do sector. “A idea e ir aproveitando docencia, investigación, infraestruturas, laboratorios, colaboracións con empresas...para ir avanzando nese camiño e ver ata onde podemos chegar”, conclúe Picos. 

Establecendo relacións con Bulgaria e co sector empresarial

Noutro ámbito de actuacións, a EE Forestal busca tamén de ampliar as súas relacións internacionais a través de iniciativas como a estadía que o investigador principal do grupo AF4, Enrique Valero, realizou na University of Forestry de Bulgaria. Integrada por seis facultades, esta universidade engloba nas súas diferentes facultades formación “sobre manexo da biodiversidade, industria forestal ou caza e pesca, polo que pode ser unha opción moi interesante para a nosa escola á hora de establecer vínculos, tanto para o alumnado como para o profesorado”, sinala Valero. “A idea da visita foi que servise como primeira toma de contacto para establecer un intercambio dentro do programa Erasmus”, explica desta busca de alianzas con esta institución académica con sede en Sofía, a capital dun país “con moita tradición forestal” e do que destaca tanto “aproveitamento moi racional duns bosques extraordinarios e perfectamente ordenados, cunha silvicultura exhaustiva e moi precisa”, como os seus sistemas de xestión da caza e dos espazos naturais. 

Por outra banda, estas últimas semanas tamén se caracterizaron na escola do campus pontevedrés polas diferentes visitas a instalacións empresariais que, no marco da súa formación académica, levaron ao alumnado do centro ás instalacións de Ence, a unha explotación de Finsa en Santiago ou ao viveiro de maior dimensións de España, situado no municipio ourensán de Maceda. “Trátase dun valor engadido á formación do alumnado, que lles permite un contacto directo con profesionais e coas tecnoloxías máis avanzadas”, sinala ao respecto o profesor Luis Ortiz, que con ese mesmo propósito promove este venres unha visita do alumnado ás empresas Hitraf e Guerra en Vila de Cruces, “un dos principais produtores de maquinaria forestal na comunidade e unha das empresas de fabricación de grúas máis importantes”, sinala.