DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ángeles Cancela como subdirectora e Juan Picos como secretario completan a candidatura

A EE Forestal celebrará eleccións o 25 de marzo con Enrique Valero como único candidato

O actual director preséntase á reelección co obxectivo de dar continuidade ao traballo realizado nos

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 14/03/2014

Co obxectivo de dar continuidade ao traballo desenvolvido no centro do campus de Pontevedra nos últimos anos, Enrique Valero vén de presentar a única candidatura ás eleccións que a Escola de Enxeñaría Forestal celebrará o 25 de marzo. Ángeles Cancela como subidirectora e Juan Picos como secretario completan a lista coa que Valero optará a situarse de novo á fronte dun centro que dirixe desde 2010 e no que xa ocupou a dirección entre 1999 e 2005. De cara a súa posible reelección, o profesor do Departamento de Enxeñería dos Recursos Naturais e Medio Ambiente salienta a necesidade de “dar continuidade e potenciar as liñas de traballo xa establecidas e seguir cubrindo as necesidades de formación nun sector, o forestal, que en Galicia ten unhas potencialidades enormes”.

Tralo peche este xoves do prazo de presentación de candidaturas, a Xunta Electoral da escola procedeu hoxe venres á proclamación provisional de Valero como candidato, trala que se dá apertura a un prazo de presentación de reclamacións que se pechará coa proclamación definitiva do candidato o vindeiro mércores 19. Seis días despois, o actual director do centro optará a iniciar un novo mandato, que chega despois de tres anos nos que, destaca “conseguiuse non só deter o descenso de matriculacións, senón que estas aumentaran dunha forma importante”. Do mesmo, xeito, Valero tamén salienta “a posta en marcha dun curso ponte para aqueles alumnos da enxeñaría técnica que quixeran ter o grao e que supuxo nos dous últimos anos 50 novas matrículas”. Así mesmo, o profesor tamén incide no traballo realizado para fomentar a integración do alumnado no sector profesional a través dunha “ampla oferta de prácticas en empresas” e recalca a importancia de continuar fomentando a investigación para que “os niveis de innovación e transferencia da escola se manteñan nas cotas máis altas”.

Incorporar os novos enfoques

De cara á nova etapa que se podería abrir se a Xunta de Escola avala a súa candidatura, Valero apunta que “o sector forestal vai a ser clave en Europa nos próximos anos, dado que se está potenciando ao máximo nivel a madeira como recurso natural renovable”. Por iso, avoga por “incorporar á escola todas aquelas novas tendencias que se están poñendo en marcha en ámbitos como a bioeconomía, o crecemento intelixente ou o principio de eficiencia dos recursos forestais”, de cara a formar "a profesionais de alto nivel nun sector que ten unha relevancia extrema para a creación de emprego no medio rural, a fixación de poboación e a conservación de espazos naturais”.