DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes de oito centros da Rede de Escolas Unesco participaron nas actividades

A EE Forestal conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente con máis de 350 escolares

O centro promoveu diferentes xogos na Illa das Esculturas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 05/06/2019

Diversión e formación en diferentes aspectos relacionados coa biodiversidade e a xestión dos bosques confluíron nas diferentes actividades que a Escola de Enxeñaría Forestal propuxo aos máis de 350 estudantes procedentes de oito centros inseridos na Rede de Escolas Unesco que nesta xornada conmemoraron o Día Mundial do Medio Ambiente neste centro do campus pontevedrés. Conmemoración que, como salienta o director da escola, Juan Picos, permite por unha banda “transferir coñecemento e mensaxes ambientalmente positivas á cidadanía”,á vez que pode contribuír “a espertar vocacións arredor de todo o que ten que ver coa nosa titulación” neste grupo de alumnos e alumas que abranguía desde 1º de Primaria ata Bacharelato.

Estudantes dos colexios Marcos da Portela, Cabanas e Manuel Vidal Portela, de Pontevedra; O Toural, de Vilaboa; Eduardo Pondal, de Cangas, e Isidoro Riestra, de Poio; e dos institutos Luis Seoane, de Pontevedra, e Pazo da Mercé de As Neves, participaron na conmemoración que cada ano promove neste 5 de xuño a Rede de Escolas Unesco, como explica a súa coordinadora en Galicia, Luísa Márquez. Tras edicións previas en espazos como o bosque de sequoias de Poio ou na praia de Lourido, que contaron tamén coa colaboración de docentes da Universidade, a celebración trasladouse neste 2019 á EE Forestal, onde arrincou cunha presentación sobre o significado deste día mundial declarado pola ONU, que recolleu este acto na súa web dentro das conmemoracións que nesta xornada se levan a cabo en diferentes partes do mundo. “Unha das cousas ás que nos dedicamos na Escola de Enxeñaría Forestal é ao medio ambiente, á xestión dos bosques e dos ecosistemas ou a transformación de produtos que saen dos propios bosques”, explicou Picos aos asistentes a un acto no que tamén abordou cos nenos e nenas o reto ambiental proposto pola ONU para este 2019, a contaminación no aire, convidándoos a sumarse ao “reto viral” proposto por Nacións Unidas de facerse unha foto coa boca tapada, despois de amosarlles diferentes vídeos ou mesmo animalos a cantar.

Diversión e aprendizaxe na Illa das Esculturas

Divididos en grupos, os e as participantes nesta conmemoración que, como explicou Márquez, traballaron nos últimos meses diferentes aspectos relacionados co medio ambiente no marco do proxecto da Rede de Escolas Unesco Desplastifícate, participaron a continuación na Illa das Esculturas en dúas actividades coordinadas por Picos e alumnas da escola. Por unha banda, nenos e nenas tiveron un primeiro achegamento á medición de masas forestais a través de Cantos árbores teño na miña parcela?, unha actividade na que debían rodear en grupos o maior número de árbores posible, coa que se buscaba “demostrar que a medición de árbores non é trivial, xa que as plantas non sempre se distribúen de xeito homoxéneo e que, como seres vivos, cada unha delas ten diferenzas de tamaño, grosor ou altura”.

Por outra banda, nenos e nenas participaron tamén nunha xincana coordinada pola estudante Nerea Mallo na que, a través do xogo, buscábase contribuír á concienciación da mocidade sobre a importancia da natureza. Recoñecer a través de moldes a pegada de diferentes animais, coñecer a través das súas follas diferentes especies arbóreas ou abordar a importancia dos ríos escribindo no chan o nome do río máis longo de Galicia, o Miño, foron algunhas das actividades desenvolvidas no marco desta iniciativa, que completaban un xogo sobre a importancia da biodiversidade e unha dinámica na que se trasladaba aos escolares a importancia da cadea trófica.