DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Juan Picos participou na cidade de Brno nunhas xornadas sobre o programa Erasmus

A EE Forestal estreita lazos coa Mendel University da República Checa

Esta institución académica é o destino máis demandado polo alumnado da escola do campus

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 16/09/2014

Unha Facultade de Forestais “de referencia, das máis importantes da Unión Europea”, emprazada nunha cidade, Brno, “estreitamente vinculada á vida universitaria” converteron co paso dos anos á Mendel University da República Checa no principal destino do alumnado da Escola de Enxeñaría Forestal a través do programa Erasmus. Por ese motivo, a invitación a participar nunhas xornadas sobre mobilidade estudantil neste centro foi aproveitada polo secretario do centro, Juan Picos, para tentar potenciar as relacións cunha facultade “estratéxica” para a escola do campus de Pontevedra.

“Máis do 50% dos nosos erasmus tiveron como destino esta Universidade”, sinala Picos, que recoñece que as prazas para continuar estudos en Brno “son as que primeiro se cobren todos os anos”. Por unha banda, porque o custo da vida na República Checa fai máis accesible acudir a este campus en lugar de a outros puntos de referencia para o sector forestal, como podería ser Finlandia. Pero, principalmente, porque se trata dunha “facultade sobresaínte, das máis antigas de Europa”, que ademais supón “unha experiencia moi espectacular” para o alumnado pontevedrés, explica Picos, posto que a Mendel University conta cun monte propio de preto de 11.000 hectáreas, onde os estudantes reciben formación de carácter práctico sobre a xestión forestal.

Punto de reunión para dez escolas de Forestais de toda Europa

Picos foi convidado a participar, o domingo 14 e o luns 15, nos International Days Mendelu, unhas xornadas sobre o programa Erasmus promovidas por esta facultade e que aglutinaron as presentacións de dez facultades e escolas de diferentes puntos de Europa, entre os que se atopaba o centro da Universidade de Vigo. De aí que o secretario da EE Forestal aproveitase tamén a súa visita para “establecer contactos con outras universidades de interese para a nosa escola”, como a Università degli Studi di Palermo (Italia), a Georg-August-Universität Göttingen (Alemaña) ou a Siauliu Universitetas (Lituania).

Así mesmo, Picos puido manter este luns un encontro co decano, Pert Horá?ek, e o vicedecano, Klement Rejšek, da Facultade de Forestais, cos que puido intercambiar impresións nunha xuntanza que buscaba “estreitar lazos” e “explorar novas posibilidades” de colaboración, como a idea de poder abordar liñas de investigación conxuntas ou a de fomentar un intercambio de profesorado que xa se levou a cabo estes anos.

Previamente, Picos tivo a oportunidade de “presentarlle aos alumnos e docentes a nosa escola, onde xa tivemos algúns estudantes de Brno, que agardamos que de agora en diante sexan máis”. Non en van, amosar as diferntes opcións das que dispoñen os seus estudantes para continuar os seus estudos noutros puntos de Europa era o obxectivo central dunhas xornadas organizadas por unha institución que “está a realizar un traballo exemplar co programa Erasmus, ao que dá moita importancia”, e que se atopa ademais asentada nunha “cidade pequena, pero moi universitaria, fachendosa co seu campus, e que ademais atópase nunha rexión na que o sector forestal ten unha grande importancia”, destaca o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal.