DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dispoñen de convenios suficientes para cubrir a demanda existente

A EE Forestal garante prácticas e mobilidade internacional para todo o alumnado do centro

O director da escola, Enrique Valero, destaca a baixa taxa de desemprego da titulación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 21/06/2011

A Escola de Enxeñaría Forestal vén de acordar na última Comisión de Seguimento e Garantía de Calidade do centro a inclusión de obxectivos e indicadores que garantan que a totalidade do alumnado matriculado no Grao en Enxeñaría Forestal teña a oportunidade de cursar estudos noutro país ou de realizar prácticas preprofesionais en empresas, con motivo da existencia de convenios con empresas e universidades que cobren a demanda da escola. “Por fin a EE Forestal conta cuns estudos en igualdade de condicións que outros centros, ofrecéndolle ao alumnado unha formación completa con 1º, 2º e 3º ciclo”, comenta Enrique Valero, director da escola.

O novo plan de estudos adaptado ao EEES, implantado no pasado curso, fai posible que a provincia de Pontevedra, "de ampla tradición na investigación e na xestión do monte", conte co nivel máis alto de formación universitaria no eido forestal, dotando de maior formación práctica ao alumnado e fortalecendo lazos con empresas e entidades do sector na comunidade autónoma, “potenciais empregadores dos futuros titulados”.

Profesionais moi demandados

Esta política de prácticas preprofesionais vai parella ao alto nivel de demanda dos egresados no sector , “debido á boa fama dos enxeñeiros forestais deste campus, o que se traduce nunha baixa taxa de desemprego para a nosa titulación”. Como aclara o director da escola, o éxito reside na formación completa e transversal do Grao en Enxeñaría Forestal, “no que forxamos profesionais competentes na correcta xestión do monte, na produción de madeira e de pastos, na a educación ambiental, na protección de espazos protexidos e no desenvolvemento de industrias forestais respectuosas co medio ambiente e economicamente viables”.

Outro aspecto prioritario para o centro é a formación de expertos forestais que poidan ser valorados en todo o contexto internacional. De aí que o centro teña subscritos convenios con universidades nos principais países de elevado nivel forestal, tanto en Europa, (Finlandia, República Checa, Portugal, Alemaña e Austria), como en América do Sur, (Chile, Uruguay, Brasil e Perú).

Novas oportunidades para o sector forestal galego

Segundo datos facilitados pola FAO, Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación, os investimentos públicos dirixidos ao sector forestal poderían crear un 100 millóns de novos empregos en todo o mundo a curto e medio prazo. Ante esta situación, "o goberno podería aproveitar a repoboación dos bosques españois para xerar novas rendas e novos postos de traballo a través de actuacións específicas levadas a cabo polas comunidades autónomas en colaboración cos propietarios de montes", explica.

Valero apunta que esta nova estratexia europea, destinada a combater o cambio climático e a potenciación de enerxías renovables, pode supor unha oportunidade inmellorable para Galicia, “pois estímase que no 2020 o consumo de madeira achegarase aos 300 millóns de toneladas, e hai que ter en conta que somos un dos principais produtores, polo que se pode converter nun nicho laboral extraordinario”. Entre outras medidas que dinamicen o sector, destácanse o incremento dos tratamentos selvícolas, a prevención de incendios, o impulso da xestión forestal sustentable, sacando o máximo proveito aos recursos forestais renovables coas súas transformacións a través das industrias derivadas.