DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu director, Enrique Valero, visitou o Eslovenian Forestry Institute

A EE Forestal intensifica a súa relación cun centro europeo de referencia

O obxectivo da viaxe era estudar as liñas de investigación nas que poderían traballar conxuntamente

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 10/04/2015

A pesares de ser un país pequeno, de pouco máis de 20.000 quilómetros cadrados, e de contar con menos poboación que Galicia, Eslovenia é toda unha referencia en materia forestal. Non en van, esta república dos Balcáns é “o país con maior densidade de bosques de toda Europa”, como destaca o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Enrique Valero, tras retornar precisamente deste estado. Nos últimos días, Valero mantivo unha serie de encontros con responsables e investigadores dun “centro de referencia en Europa”, o Slovenian Forestry Institute, co propósito de potenciar as relacións entre ambos centros e estudar en que liñas de traballo poderían colaborar este instituto ligado á Universidade de Liubiana e a escola do campus pontevedrés.

“Este instituto participa en proxectos de investigación europeos de moi alta calidade, xunto con centros de países que teñen próximos, como Hungría, Austria, Alemaña, Suíza e Italia, “polo que aos grupos de investigación da nosa escola lles interesaría moito manter unha serie de colaboracións con este centro, que ademais ten varias liñas de traballo coincidentes coas da escola”, destaca Valero, que ademais de reunirse co director do centro, Primoz Simoncic, realizou tamén “un percorrido polos diferentes grupos de investigación que teñen un paralelismo cos nosos”. Nestes encontros, definíronse unha serie de “intereses comúns” nos que traballar no desenvolvemento de proxectos conxuntos, en ámbitos como a aplicación de novas tecnoloxías á avaliación de recursos forestais, o aproveitamento de “recursos non maderables” ou a xestión sostible dos recursos cinexéticos nos montes, “xa que a caza é un tema no que teñen moito interese, posto que ben xestionada pode supor un nivel de ingresos importante”.

De aí que, deste “encontro exploratorio”, que supón un novo chanzo nestas relacións trala visita ao campus dos responsables deste instituto esloveno hai dous anos, saíse o compromiso de centrarse xa en "aspectos concretos", co obxectivo de poder “realizar proxectos europeos conxuntos”, unha liña de traballo coa que a EE Forestal se amosa “verdadeiramente interesada”, segundo destaca Valero.

Un país que pode achegar moito á formación dos estudantes

Rodeado por un bosque de preto de 130 hectáreas, este centro constitúe unha opción moi interesante para a formación do alumnado da EE Forestal, a xuízo do seu director. Por iso outro dos propósitos da visita de Valero era contribuír a “abrir con esta institución unha vía de intercambio, que contribúa nun futuro, tanto a que os nosos estudantes e profesores poidan ir alí como ao contrario”. Non en van, Eslovenia amósase como un importante escenario para a formación do alumnado, xa que contan “cunha silvicultura moi técnica e cun monte perfectamente ordenado, cuns aproveitamentos forestais moi coidados”, como puido comprobar Valero na súa estadía de dez días por esta república balcánica, que aproveitou tamén para coñecer a fondo o medio natural deste pequeno país.