DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Firepoctep+ céntrase nas áreas fronteirizas entre España e Portugal 

A EE Forestal lidera un proxecto dirixido a identificar zonas clave na prevención dos grandes incendios

Coa participación de 17 institucións e entidades dos dous países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 15/01/2024

Un estudo realizado na Escola de Enxeñaría Forestal sinala que dos preto de 30.000 incendios rexistrados nos montes galegos entre 2011 e 2021, un total de 66, o 0,2% do total, foron responsables de preto da metade das hectáreas queimadas nesa década. Trátase dos chamados “incendios forestais extremos”, lumes que cada vez teñen unha maior incidencia, por mor dos efectos do cambio climático. Identificar zonas clave na prevención e diminución dos efectos destes grandes lumes nas zonas fronteirizas entre España e Portugal é o principal obxectivo do proxecto Firepoctep +, que lidera a EE Forestal e no que participan 17 institucións e entidades dos dous países. Cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feder), no marco do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg VI-A España Portugal 2021-2027 (POCTEP), un dos eixes deste proxecto será a localización, ao longo da raia, de zonas estratéxicas de xestión, puntos que resultan clave no comportamento destes grandes incendios e nos que unha actuación preventiva permitiría reducir a súa intensidade. 

Cun orzamento de 3,3 millóns euros, o proxecto ten como investigador principal ao profesor da EE Forestal Juan Picos e dá continuidade a Firepoctep, que tiña como o obxectivo o deseño dunha estratexia común de actuacións preventivas fronte aos grandes incendios a ambos lados da fronteira dos dous países europeos máis afectados polos lumes forestais. Unha das liñas centrais deste traballo previo foi o desenvolvemento metodolóxico para a identificación desas zonas estratéxicas de xestión, que neste novo proxecto tratarán de localizar nas diferentes áreas piloto establecidas ao longo da fronteira. 

“Vaise utilizar esa metodoloxía para definir cales serían as zonas estratéxicas e que habería que facer nelas”, sinala Picos. De feito, no proxecto previo, investigadores e investigadoras da EE Forestal desenvolveron unha metodoloxía baseada na xeración de modelos de combustibles e de cartografías con datos obtidos por satélites e tecnoloxía LiDAR que puxeron en práctica no Baixo Miño. Isto permitiulles identificar unha series de zonas, que representan entre o 0,5% e o 0,7% do territorio forestal desta comarca, nas que as actuacións sobre a vexetación permitirían deter ou diminuír a intensidade dos lumes. 

Unha rede de “cortalumes produtivos”

Como sinala o investigador principal dun proxecto que se estenderá ata 2026, Firepoctep+ buscará non só identificar eses puntos clave na loita contra os grandes lumes, senón tamén definir que accións poden levarse a cabo coa implicación dos axentes locais. Nese senso, outro dos obxectivos é contribuír á mobilización “de recursos endóxenos con valor preventivo, consolidando unha rede de cortalumes produtivos”. Como lembra Picos, este concepto fai referencia “a unha área na que a vexetación cambia”, o que non implica necesariamente rozar faixas do terreo, senón que poden promoverse outro tipo de actividades, desde a presenza de gando a diferentes tipos de cultivos. “A idea é darlle un valor produtivo aos cortalumes”, sinala. 

Formación dos operativos e da cidadanía 

Pór o foco nestas zonas clave implicaría tamén un “cambio de estratexia” no labor dos operativos de extinción, como recoñece Picos, xa que pasaríase de tratar de aplicar a maior forza posible ao combate do lume no seu inicio a analizar “cal é o potencial do incendio e como vai progresar”, posto que, no caso dos grandes lumes, “onde imos ter oportunidades de atallalo é nesas zonas estratéxicas de xestión”. Isto leva á súa vez a que outro dos bloques de traballo do proxecto sexa contribuír á formación dos operativos. Do mesmo xeito, entre as liñas de traballo está tamén a formación e sensibilización da “poboación rural e outros sectores de interese”, ámbito no que o proxecto contará coa participación da investigadora da María Isabel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da UVigo. 

17 socios de ambos lados da fronteira

“O proxecto proposto enfoca unha problemática complexa como os incendios forestais dende unha perspectiva territorial, social e operativa”, destacan os impulsores de Firepoctep+, que ademais da UVigo conta tamén coa participación en Galicia da Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta, Feuga e Energylab.

Así mesmo, tamén forman parte deste proxecto as universidades de Extremadura, Huelva, Córdoba e Évora; a Agencia de Medio Ambiente e Auga de Andalucía; a Deputación Provincial de Ávila; as comunidades intermunicipais da Rexión de Coimbra, Alto Minho e Algarve; a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Algarve, a Autoridade Nacional de Emerxencias e Protección Civil de Portugal; a Junta de Andalucía e a Fundación Finnova. Nese senso, a participación das diferentes administracións contribuirá tamén a outro dos obxectivos do proxecto, a xeración de propostas para “superar conxuntamente as diferencias lexislativas e estratéxicas de xestión dos incendios forestais” a ambos lados da fronteira. “A idea é analizar cales son os fluxos de información e propoñer melloras”, sinala Picos.

Primeira reunión en Bruxelas

Firepoctep+ celebra a primeira reunión técnica dos seus grupos de traballo e do comité de dirección entre o 22 e o 24 de xaneiro en Bruxelas, nunhas xornadas que permitirán pór en relación estes traballos co proxecto europeo Setoff, centrado tamén nos lumes forestais. Alén dunha serie de reunións de traballo e da visita á sede da OTAN en Bruxelas, este encontro servirá tamén para o lanzamento do reto Waste Forest, promovido xunto coa asociación europea PropTech e dirixido a promover o reemprego de residuos forestais como materiais para a construción de edificios.