DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu director, Juan Picos, foi un dos expertos que traballou na súa elaboración

A EE Forestal participa nunha declaración de consenso sobre como facer fronte aos grandes incendios 

Promovida pola Fundación Pau Costa, reclama destinar mil millóns anuais a labores de prevención

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 16/06/2023

"España enfróntase a un problema complexo, que se agrava día a día co cambio climático: os incendios son cada vez máis intensos e comportan consecuencias ecolóxicas e sociais sen precedentes”. Deste xeito ábrese a declaración de consenso sobre a xestión dos grandes incendios forestais, un documento promovido pola Fundación Pau Costa, resultado do acordo de preto de 60 expertos e expertas de diferentes ámbitos, entre os que se atopa o investigador e director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos. Conformada por 15 puntos que insisten na necesidade de poñer o foco na prevención e na xestión do risco de incendios, esta declaración reúne un conxunto de medidas “urxentes” para facer fronte a esta problemática. Entre elas, acometer anualmente traballos de xestión en, cando menos, o 1% da superficie forestal de España, co obxectivo de preparar o territorio para os “grandes lumes forestais” o que, como recolle o documento, requiría destinar cada ano preto de 1000 millóns de euros a estas tarefas.

Como explica Picos, a declaración ten como punto de partida a idea de que os grandes lumes “non poden resolverse só” desde o ámbito da extinción, senón que é preciso tanto actuar no territorio como que “a xente perciba o risco” que implica a proliferación deste tipo de incendios por mor do cambio climático. Partindo desa idea, a Fundación Pau Costa, unha organización sen ánimo de lucro á que da nome un dos cinco bombeiros forestais falecidos en 2009 nun incendio na localidade catalá de Horta de Sant Joan, impulsou un “proceso participativo”, no que buscou reunir “distintos perfís e visións profesionais e sociais, para deliberar cunha visión ampla e integradora sobre a maneira máis sostible de xestionar os grandes incendios forestais e curto, medio e longo prazo en España”, segundo informou esta entidade. Un total de 58 de expertos académicos, membros dos servizos de emerxencias, xestores forestais e representantes de administracións e empresas de diferentes partes de España foron convidados a un foro celebrado en Madrid a finais de marzo no que, como explica Picos, “colectivos cun visións diversas fomos quen de chegar a un consenso”.

Prevención e concienciación fronte a un “risco inevitable”

Esta declaración parte da idea de que a sociedade debe ser consciente de que “os servizos de extinción non poden facer fronte eles sós aos grandes lumes”, que se sitúan frecuentemente fóra da súa capacidade de extinción. De aí que sinale a necesidade de que a cidadanía sexa “corresponsable e asuma o risco inevitable de convivir co lume, posto que a falta de xestión da paisaxe leva a escenarios indefendibles”. Neste contexto, esíxese que os servizos de extinción e prevención poidan traballar en “paisaxes seguras”, para logo pór o foco na urxencia de “preparar o territorio fronte ao paso dos grandes incendios forestais, priorizando áreas estratéxicas de actuación”. Concretamente, sinalan como “urxente, inaprazable e imprescindible” realizar traballos de xestión en cando menos o 1% da superficie forestal do conxunto do Estado, preto de 260.000 hectáreas, o que implicaría un investimento anual de preto de 1000 millón de euros. Esta xestión do territorio, sinalan, debe ter en conta “a particularidade e riscos de cada situación”, así como fomentar a “heteroxeneidade da paisaxe, promovendo a conservación da natureza”, a través de ferramentas como a silvicultura, o uso preventivo do lume ou os animais herbívoros. 

Nesta declaración sinálase tamén como prioritario “planificar, executar e manter o 100% das infraestruturas de protección nas zonas de interfaz urbano-forestal”, a fin de garantir a seguridade da cidadanía, así como o desenvolvemento de “plans de autoprotección” de urbanizacións e infraestruturas nestas contornas. O documento incide tamén en que “é fundamental potenciar un mundo rural vivo”, cun sector primario ambientalmente sostible e a posta en valor dos produtos forestais, así como o impulso de “medidas económicas como a diminución da presión fiscal para habitantes e xestores do mundo rural”. Así mesmo, saliéntase tamén que a conservación da biodiversidade debe ser unha “prioridade” e que esta debe ser “compatible” coa prevención dos lumes, propoñendo tamén que a conservación dos espazos naturais protexidos integre actuacións de prevención en “zonas estratéxicas”. Por último, a declaración avoga por realizar un labor educativo, dispor de estatísticas actualizadas e promover un desenvolvemento lexislativo que poña o foco na “necesidade de atender prioritariamente a xestión preventiva do territorio”. 

Da divulgación á investigación

“Foi unha satisfacción poder participar e representar á escola neste proceso”, sinala Picos dos traballos que deron como resultado a declaración que a fundación presentaba este xoves no Museo de Ciencias Naturales de Madrid e en Montserrat (Barcelona). O documento suma a adhesión de máis de 70 persoas e institucións, entre os que se atopan colectivos ecoloxistas como Greenpeace ou WWF, entidades públicas como a Dirección General de Biodiversidad, Bosques e Desertificación do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico ou centros de investigación, alén da propia EE Forestal. Non obstante, sinala Picos, o propósito é que ademais de presentarse a dirixentes e institucións públicas, esta declaración chegue tamén á cidadanía. “Se estamos pedindo máis atención e máis recursos, temos que pór á sociedade dentro deste consenso”, sostén. Ao mesmo tempo, engade, a declaración enlaza tamén con liñas de investigación da propia escola, como as centradas nas “áreas estratéxicas de xestión”, de tal xeito que tamén “nos axuda a definir que resultados necesita a sociedade da investigación”.