DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xuntanza dos vicerreitores Antonia Blanco e Xosé Antonio Vilán con representantes da compañía

A EE Forestal pon a disposición de Ence os seus grupos de investigación

Oito alumnos do centro tamén farán prácticas este verán na empresa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 07/06/2012

Co obxectivo de dar pulo á Cátedra Ence, este xoves a Universidade de Vigo e o Grupo Ence intercambiaron posturas nunha nova xuntanza na Escola de Enxeñaría Forestal á que asistiron Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia de Coñecemento, Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra, Enrique Valero, director da escola e Antonio Casal, director do Centro de Operacións de Ence en Galicia. “Trátase dunha reunión coa que retomamos a actividade da cátedra dunha maneira moito máis sistematizada e cunhas accións concretas no campo da investigación”, explica a vicerreitora Antonia Blanco, que informou á compañía dos grupos de investigación máis idóneos da Universidade para traballar man a man coa compañía para mellorar o sector forestal a nivel nacional.

Nunha primeira xuntanza que o reitor Salustiano Mato mantivera co conselleiro delegado de Grupo Ence, Ignacio Colmenares, no pasado mes de febreiro, acordaran definir catro liñas de actuación para acadar un maior aproveitamento enerxético e novos sistemas de traballo en conxunto. Un dos primeiros proxectos xiraría arredor do desenvolvemento de procesos enerxéticos na combustión de biomasa de orixe forestal, mentres que un segundo eixo suporía a mellora de materias para caldeiras e procesos de termodinámica da empresa. A terceira liña de actuación afondaría no desenvolvemento de técnicas de silvicultura das masas de eucalipto e a cuarta versaría sobre o deseño de métodos máis eficaces na loita contra as pragas de insectos que sofre esta especie. “Queremos amosarlle a Ence que grupos de traballo poden atender a estas demandas e como se lles pode dar saída a estas liñas prioritarias para a empresa”, sinalou o director da escola. Pola súa banda, Antonio Casal fai unha valoración moi positiva da relación mantida coa Universidade de Vigo e sinalou a importancia da colaboración empresa-universidade “pois non nos dispomos de recursos, medios nin dos coñecementos sobre diversos aspectos da investigación que a Universidade si ten”, declarou Casal que asistiu con outros representantes da compañía “a esta primeira reunión de seguimento e de definición de por onde van seguir os futuros pasos da cátedra”.

Ademais dos proxectos de investigación, o Grupo Ence acollerá en prácticas a oito alumnos da escola que proximamente empezarán o seu programa formativo que se prolongará durante todo o verán. “Despois dunha selección dos mellores candidatos, a compañía escolleu aqueles que mellor se adaptaron ao seu perfil”, explicou Valero que definiu o tipo de traballos que van realizar, tanto no campo, con labores de inventariado e de silvicultura, como na fábrica, nos procesos de fabricación e novas tecnoloxías.

Unha colaboración de máis dunha década

A Cátedra Ence naceu en 2001 froito dun convenio de colaboración entre Universidade e o Grupo Ence para levar a cabo de forma conxunta proxectos de investigación e actividades educativas e de formación práctica como soporte para o desenvolvemento de novas tecnoloxías relacionadas coas masas forestais. Un dos obxectivos marcados e que se sigue mantendo é obter prestixio internacional e financiamento para levar a cabo iniciativas que beneficien a ambas institucións.